
Ribadavia | O PSdeG-PSOE de Ribadavia denuncia a parálise “absoluta” do goberno municipal en materia de desenvolvemento económico cando se cumpren xa tres anos de lexislatura. As e os socialistas denuncian que fronte ás promesas electorais do actual alcalde, a realidade “é contundente e Ribadavia non conta nin cun só metro novo de solo industrial nin coa chegada de novas empresas”.
Lembra que durante a campaña electoral o rexedor comprometeuse a impulsar o parque empresarial e a atraer investimento produtivo. “A día de hoxe, non só non cumpriu esas promesas, senón que non foi quen de avanzar nin un só paso real”, sinalan.
Dende o PSdeG-PSOE de Ribadavia subliñan que os gobernos socialistas anteriores impulsaron de maneira constante o parque empresarial, facilitando a implantación de empresas e consolidando o tecido produtivo local. “Todo o solo industrial actualmente ocupado responde ao traballo realizado por alcaldes e alcaldesas socialistas”, afirman as e os socialistas, que tamén apuntan que “pola contra, o actual goberno non só non ampliou este legado, senón que durante o seu mandato mesmo se produciron peches de empresas”. Neste senso explican que o actual goberno municipal “suma 5 anos ao fronte do concello, os actuais 3 e 2 na anterior lexislatura, nos que foi incapaz de atraer empresas e desenvolver o tecido económico do municipio”.
A formación socialista critica tamén que o executivo local estea centrando os seus esforzos en “eventos e festas”, mentres descoida cuestións estruturais clave como o emprego e o desenvolvemento económico. “Ribadavia necesita oportunidades, non propaganda”, destacan.
Ademais, alertan da situación demográfica do municipio, que por primeira vez na súa historia baixará dos 5.000 habitantes, o que implicará a redución do número de concelleiros na corporación. “Este dato evidencia a falta de proxecto e de xestión dun alcalde que nin está nin se lle espera”, afirman.
O PSdeG-PSOE considera que, ante a proximidade dun novo ciclo electoral, o alcalde volverá recorrer á mesma estratexia baseada en anuncios e infografías de proxectos que non se materializan. “Xa o vimos no pasado e estamos seguros de que o repetirá: moita imaxe e pouca realidade”, sinalan.
O partido reclama un cambio de rumbo na política municipal e insisten na necesidade de apostar por medidas reais que impulsen o emprego e fixen poboación. “O parque empresarial é unha prioridade estratéxica para Ribadavia, e non pode seguir sendo unha promesa incumprida lexislatura tras lexislatura”, conclúen.




