PSdeG: “Depuradoras de Riós teñen estado deplorable”

Verten augas fecais directamente a regatos próximos

Riós | O PSdeG-PSOE do Riós reclama un sistema de saneamento decente e do século XXI, que evite problemas medioambientais e de saúde pública no municipio.

Os socialistas veñen de comprobar o “deplorable” estado no que se atopan varias depuradoras do concello, que nalgúns casos levan meses sen funcionar e vertendo augas fecais directamente aos regatos próximos coa grave problemática que supón para a saúde, motivo polo que consideran que se trata dun “atentado” directo contra o medio ambiente e o ecosistema da contorna.

O grupo municipal socialista explica que nos últimos días achegáronse ata dúas das depuradoras coas que conta o municipio, concretamente a do barrio de Marmulín, na propia capital municipal, e a de Marcelín, onde puideron comprobar as “gravísimas” deficiencias que presentan e que ningunha das dúas “estaban operativas e funcionando correctamente como deberían”.

Os socialistas tamén salientan que o cheiro nas inmediacións de ambas infraestruturas era “insoportable e fedorento”.

No relativo a depuradora de Marmulín, os socialistas afirman que a depuradora funciona de xeito “intermitente e irregular”, xa que segundo salientan “a veciñanza xa nos trasladou que hai épocas nas que a depuradora entra en funcionamento e outras nas que está completamente parada e sen depurar as augas fecais que recibe”, circunstancia que puideron comprobar sobre o terreo nos últimos días.

Situación moito máis “grave” atopáronse durante a súa visita a depuradora de Marcelín, xa que tal e como indican a depuradora “leva máis de 3 meses sen funcionar”, o que está ocasionando que as augas fecais “vértanse directamente e sen depurar a un regato afluente do río Marcelín”. Dende o PSdeG-PSOE de Riós consideran que a situación supón un “brutal atentado medio ambiental”, xa que tal e como relatan, “as augas fecais baixan directamente por unha ladeira a un regato que finalmente desemboca no río Marcelín”.