Proxectos sociais da Asociación Érguete cos alumnos do Colexio Lar de Vigo

No marco do programa de Formación e Integración Social

Vigo | A sede da Asociación Érguete encheuse dos nervios dun primeiro día de traballo e tamén da ilusión do inicio de varias carreiras profesionais. Mozos e mozas do primeiro curso do ciclo de Integración Social do Colexio Lar puxeron en práctica os proxectos sociais que están a desenvolver durante o curso coas persoas usuarias da Asociación Érguete.

Esta iniciativa nace da idea “de que a mellor forma de aprender no eido social e coñecer, entender e vivir experiencias coas persoas usuarias”, destaca a coordinadora do Programa de Formación e Integración Social (PFIS) de Érguete, Ana Vázquez, e explica que con estas sesións “queremos ofrecer a oportunidade ao alumnado de coñecer e participar no contexto de intervención que se vive cada día aquí, antes de que se gradúen e fagan as prácticas”.

A profesora dos rapaces e rapazas, Alba Moraña, indica que eliximos traballar con Érguete porque “as persoas con adiccións son un dos colectivos máis invisibilizados e o alumnado debe coñecelo ben”. Salienta que “traballamos tres talleres que poñen o foco na autoestima, habilidade moi necesaria para que estas persoas poidan superar con éxito o seu proceso”.“Con este proxecto tamén queremos que o alumnado vexa a realidade da intervención social, que saiban que non todo é sorrisos e que tamén se viven momentos e realidades complicadas”, engade a profesora.

Un dos alumnos, Tomás Perea, destaca con moita ilusión que “tiñamos moitas ganas de coñecelos e de saber como viven unhas persoas que a sociedade esquece”, palabras ás que se suma a súa compañeira, Natalia Barón, co sorriso da que sabe que o camiño que están iniciando é o que lles gustaría continuar. “Estamos moi nerviosas, pero poder estar aquí, axúdalos, dirixilos un pouco, aprender con eles e co que queremos saír adiante”, conclúe a moza. Dende Érguete engaden que as persoas usuarias “desfrutaron moito da actividade” e aseguran que “hai canteira”.