Proxectos de emprego en torno ao patrimonio da Guarda

Foron presentados a través dun obradoiro

A Guarda | O venres 8 de abril a especialidade de Promoción turística local e información ao visitante do Obradoiro de Emprego Manuel B. Portela fixo a presentación de varios proxectos nos que leva traballando dende o inicio da súa actividade.

En primeiro lugar presentáronse os resultados dunha enquisa realizada a pé de rúa, onde a poboación opinou sobre aspectos relacionados co turismo guardés como poden ser o patrimonio, os servizos e as infraestruturas.

Dentro das conclusións resalta o recoñecemento co que conta entre a cidadanía guardesa o Camiño Portugués da Costa como importante recurso turístico e a necesidade de ter mellor comunicación tanto co resto da comunidade autónoma como con Caminha. Así mesmo expuxéronse un amplo abano de interesantes conclusións que serán analizadas polo equipo de goberno en aras de continuar mellorando a nivel turístico.

Outro dos proxectos que se presentou foi unha Ruta da Arquitectura Indiana na Guarda, un extenso itinerario que percorre diferentes lugares e rúas do municipio, coa descrición e localización de moitas das construcións indianas, tanto no casco urbano, como nas parroquias de Salcidos e Camposancos. Para este proxecto contaron coa colaboración de Miguel Villa ao que agradecemos enormemente o seu compromiso con esta parte tan importante do noso patrimonio.

Finalmente presentouse unha publicación sobre o Patrimonio da Guarda, un amplo estudo sobre múltiples elementos que compoñen o noso patrimonio como recursos histórico-artísticos, museos, persoeiros ilustres, espazos naturais, etc.

O resultado foi a edición impresa de cada un dos proxectos, rematando o acto coa intervención do Alcalde que amosou a súa satisfacción polos proxectos presentados e recoñeceu o gran labor deste grupo de alumnas e alumnos, así como do profesorado que os/as guiou durante o proceso.