Proxecto “minerais contra o cancro” en Lugo

Investigan a USC e o Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA)

Lugo | O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, reuniuse coa investigadora e profesora do Campus Terra da USC Marta López Alonso, coordinadora do proxecto Minerais contra o cancro, que ten como finalidade analizar o papel dos minerais na incidencia de determinados tumores e valorar o seu uso como complemento nos tratamentos para mellorar a calidade de vida e o prognóstico dos pacientes.

López Alonso trasladoulle a Arias os principais detalles do proxecto, impulsado por un equipo multidisciplinar integrado por persoal investigador das Facultades de Veterinaria e Ciencias da USC e o Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA).

Na reunión estudaron posibles vías de colaboración e Arias puxo de relevo que o Plan de Financiamento Universitario para o período 2022-2026 reforza a aposta da Xunta pola investigación, que estará dotada neste novo plan con 400M€, un 41% máis que no precedente. O delegado tamén fixo referencia a que se conmemora o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, “unha xornada para visibilizar o traballo das mulleres neste campo e fomentar novas vocacións femininas, co fin lograr un acceso máis igualitario ao eido científico”.

Nese sentido, lembrou que as axudas que acaba de convocar a Xunta para financiar o funcionamento dos grupos de investigación científica universitaria máis competitivos do sistema de I+D+i -cunha dotación económica de preto de 23M€ para o período 2022-2026- manteñen o criterio de ter en consideración as propostas lideradas por mulleres co fin de contribuír a reducir o desequilibro de xénero no ramo da investigación.