Proxecto artístico na alvariza de Bustelo de Fisteus en Quiroga

Convida a reflexionar sobre o concepto de paisaxe cultural

Quiroga | A Xunta de Galicia colabora nun proxecto artístico e de investigación sobre o patrimonio inmaterial vencellado ao Camiño de Santiago que pon en valor a técnica da pedra seca cunha intervención escultórica da artista Lucía Loren nunha alvariza da aldea modelo de Bustelo de Fisteus (Quiroga).

O delegado territorial do Goberno galego, Javier Arias, participou no acto de inauguración da peza e presentación da iniciativa, promovida por Acción Cultural Española no marco do Xacobeo 2021/2022 dentro dunha acción na que participan oito Comunidades Autónomas. Arias destacou o cariz divulgativo do proxecto, “que servirá para reforzar o interese da poboación local, peregrinos e turistas por esta técnica construtiva incluída recentemente na lista representativa do patrimonio inmaterial da UNESCO”.

Nese sentido, salientou que constituirá “un recurso artístico, turístico e museístico para o territorio de Quiroga e para a contorna”.

Tamén subliñou que a Xunta, a través de Turismo de Galicia, programa de xeito paralelo accións educativas orientadas principalmente a escolares, como a visita guiada a unha alvariza; o desenvolvemento dun proxecto educativo da Central Folque co CEIP de Quiroga que inclúe obradoiros relacionados co mundo do mel e con danzas ancestrais vinculadas ás abellas; ou unha charla sobre a ruta xacobea por parte da Asociación de Amigos do Camiño de Inverno na Ribeira Sacra.

O traballo da artista Lucía Loren, especializado en contornas naturais, reflexiona sobre o concepto de paisaxe cultural. A proposta na alvariza de Bustelo de Fisteus inclúe un obradoiro participativo que contribúe a fomentar a difusión pública e transmisión desta técnica tradicional.

Oito comunidades
Arias salientou que a iniciativa supón “unha oportunidade para intercambiar experiencias e coñecementos e recoller a sabedoría da poboación da zona”. Remarcou que o proxecto “foi seleccionado entre outros seis finalistas en Galicia, todos eles centrados en manifestacións culturais que forman parte da nosa identidade e que desde a Xunta queremos valorizar e preservar para as xeracións futuras”.

A iniciativa Una ruta por los territorios de nuestro imaginario percorre as tradicións e o coñecemento ao redor dos Camiños de Santiago e define o seu patrimonio cultural inmaterial.

Organízase en nove bloques temáticos repartidos en oito Comunidades Autónomas: acollida tradicional, arquitectura da paisaxe, comunidade xitana, gastronomía e técnicas de conservación tradicional, lendas do Camiño, oficios e artesanía, ritualidades, sons e tradición oral.