Preto dunha veintena de participantes no curso “WhatsApp Márketing”

Organizado polo GALP Ría de Pontevedra para a venda de produtos e servizos nas prazas de abastos

Marín | Preto dunha vintena de persoas participaron no curso ‘WhatsApp Márketing para a venda de produtos e servizos nas prazas de abastos’, organizado polo GALP Ría de Pontevedra. O obxectivo desta formación, desenvolvida nas zonas de influencia do grupo, era achegar aos asistentes estratexias para usar esta rede social como ferramenta de márketing e comunicación que permite aumentar as vendas de produtos e servizos.

Os perfís dos asistentes foi moi diverso, desde persoas propietarias de pequenos negocios, traballadores/as dos departamentos comerciais dalgunhas empresas,
vendedores/as de prazas de abastos ata comerciantes dedicados á venda de produtos locais. Algunhas das persoas participantes xa empregaban o WhatsApp no ámbito
persoal e este curso permitiulles adquirir novas habilidades e dar o salto para utilizalo no eido profesional tamén, outras, que non o usaran nunca, puideron descubrir todas as opcións que ofrece e integralo no seu día a día.

O curso, de dúas horas de duración, realizouse en Marín, Bueu, Portonovo e Pontevedra, nesta última vila xa de forma exclusivamente online. O asesor e formador
en márketing e tecnoloxía aplicada a empresas, Alberto Falcón, foi o responsable de impartilo, combinando teoría e práctica. Ademais, “La Pescadería de mi Barrio” explicou a súa experiencia co WhatsApp Business e os bos resultados que lles está a dar. As persoas que acudiron a este taller coincidiron en ver nesta ferramenta dixital unha oportunidade para mellorar a súa estratexia de vendas, e máis neste contexto de pandemia que estamos a vivir.

Esta actividade estivo financiada pola Consellería do Mar e o Fondo Europeo Marítimo e da Pesca como actividade de dinamización do GALP Ría de Pontevedra.