Presentado o proxecto pioneiro “Miño Destino Navegable”

Impulsado polas Eurocidades Salvaterra-Monção e Tui-Valença
A alcaldesa de Salvaterra, Marta Valcárcel, o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, o alcalde de Monção, António Barbosa, o de Valença, José Manuel Carpinteira, e o de Tui, Enrique Cabaleiro, antes de iniciar a ruta fluvial polo Río Miño.

Salvaterra de Miño | Como unha homenaxe á idea pioneira do ex alcalde de Salvaterra de Miño Arturo Grandal, as Eurocidades Salvaterra-Monção e Tui-Valença presentaron este 17 de decembro, no embarcadoiro de Salvaterra, o proxecto “Miño Destino Navegable” como destino turístico singular dentro da marca “Visit Río Miño/Minho”.

Xunto á anfitriona alcaldesa de Salvaterra de Miño Marta Valcárcel estiveron presentes no acto António Barbosa, presidente da Câmara Muncipal de Monção; José Manuel Carpinteira, presidente da Câmara Municipal de Valença do Minho; Enrique Cabaleiro, alcalde de Tui; Alfonso Rueda, vicepresidente da Xunta de Galicia e Conselleiro de Turismo; Arturo Grandal, ex alcalde de Salvaterra; Uxío Benítez, deputado da Deputación de Pontevedra e representante da AECT Río Miño/Minho, o Comandante Naval do Río Miño, Pablo Redondo, e outras autoridades municipais e provincias galegas e portuguesas e representantes dos sectores turísticos.

A alcaldesa de Salvaterra, Marta Valcárcel, inaugurou o acto de presentación manifestando que este proxecto-piloto “marca un antes e un despois para o noso territorio” e constitúe “un paso adiante para o noso futuro e o turismo”.

Presentación do proxecto “Miño Destino Navegable”.

Destacou como ferramentas que posibilitaron este proxecto o Estudo de Navegabilidade e a creación dunha App como información sobre un proxecto que “une a dúas Eurocidades, dous países e sete socios”, salientando “as riquezas que nos unen, o noso turismo, a nosa cultura, gastronomía, o noso patrimonio, a nosa xente a e nosa forma de entender a Raia”. Destacou tamén o valor de sacar adiante este proxecto “en medio dunha pandemia e coas restricións existentes” en ámbalas dúas marxes do Río Miño.

Entre os socios deste proxecto, ademais das dúas eurocidades anteriormente mencionadas, están igualmente incluídas a Dirección de Patrimonio Natural da Xunta de Galicia, Turismo de Galicia e Porto e Norte de Portugal. Estas rutas turísticas para potenciar o entorno do Río Miño conta co financiamento de fondos europeos POCTEP valorados en mais dun millón de euros.

Numerosas autoridades e público asistente ao acto de presentación no embarcadoiro de Salvaterra.

O director do proxecto, José Pereira, explicou que as reservas para as rutas turísticas están xa habilitadas “desde Nadal ata o verán de 2022”. Pereira explicou os detalles do proxecto, que consta de “excursións turísticas gratuítas por ser un proxecto europeo entre as eurocidades”, contando con “visitas aos seus cascos históricos, con dúas rutas curtas e unha larga, paseos en barco, rutas gastronómicas da lamprea e vitivinícolas do Albariño, apoio ao comercio local, actividades de benestar e viaxes en tren entre as eurocidades”.

Pereira salientou que o proxecto “pon en valor a Rede Natura e o potencial turístico do territorio do Río Miño a través da campaña da ruta fluvial do Río Miño, proxecto-piloto e pioneiro en España”. Destacou igualmente o carácter de “multiculturalidade de dous países conectados polo Río Miño”.

Rematou o acto o vicepresidente da Xunta e Conselleiro de Turismo Alfonso Rueda, quen agradeceu ás axencias de turismo e turoperadores “por facer posible este proxecto”. Destacou un “formidable 2021” en materia turística en Galicia e Norte de Portugal, confirmado polo feito de que “50.000 compostelas`´ foron outorgadas polo Camiño Portugués, tanto na súa ruta por Tui como pola Costa”, toda vez “máis do 60% dos proxectos POCTEP concentráronse neste territorio”.

Os impulsores do proxecto dentro da embarcación.

Rueda instou a aproveitar a apertura do novo período de financiamento europeo e especialmente dos fondos Next Generation desde o punto e vista transfronteirizo nun territorio “con moito potencial por desenvolver”.

Analista de xeopolítica e relacións internacionais. Licenciado en Estudos Internacionais (Universidade Central de Venezuela, UCV), magister en Ciencia Política (Universidade Simón Bolívar, USB) e colaborador en think tanks e medios dixitais en España, EE UU e América Latina.