Presentado o II Concurso “#ConSalceda de Pinchos e Tapas”

O concurso comezará o 14 de outubro e rematará o domingo día 23

Salceda de Caselas | O concello de Salceda presentou onte o 2º Concurso “#ConSalceda de Pinchos e Tapas”, organizado pola concellería de comercio, dirixida pola alcaldesa Verónica Tourón, en colaboración con ACISA. Esta iniciativa forma parte do programa de dinamización do comercio local “Con Salceda”.

No concurso participaran os seguintes locais de Salceda: Arruda Cofee Bar, Tabertenda, O Recuncho, Tapería Ozores, La Marujita, Vinoteca Salceda, Bar Caselas, Centro Cultural San Xurxo e Cafetería Altamira.

Cada un dos establecementos participantes concursa nunha das categorías de pincho ou de tapa. Os establecementos gañadores de cada categoría recibirán un galardón por parte do concello.

A persoas que degusten as tapas ou pinchos e voten por cada un deles participarán nun sorteo que conta con tres premios: un por valor de 600€ en vales de compra nos establecemento asociados a ACISA (doado por esta asociación de comerciantes), outro por valor de 300€ en vales de compra para todo o comercio local aportado polo concello e outro de 90€ en vales para consumir nos establecementos participantes no concurso. Así mesmo todas as persoas participantes que completen a ruta de pinchos e tapas recibirán un agasallo directo.

O concurso comezará o 14 de outubro e rematará o domingo día 23.

Para poder gozar ao máximo do concurso recoméndase consultar o folleto dispoñible no comercio local, e tamén na web e nas redes sociais do concello, para coñecer os horarios nos que cada pincho e tapa serán servidos polos establecementos participantes.

O concello de Salceda quere agradecer a hostalería local a súa alta participación e á asociación de comerciantes a colaboración prestada para esta iniciativa.

Verónica Tourón, alcaldesa e concelleira de comercio: “Dende a concellería de comercio continuamos apostando por este tipo de eventos que dinamizan dunha forma moi especial a hostalería local ofrecéndolle á cidadanía unha oportunidade fantástica para gozar de cada un dos establecementos participantes e coñecer a súa oferta gastronómica”.