Presentación do XII Enduro Cidade de Tui e Trofeo Ibérico Eurocidade

Se disputará este 30 de abril

Tui | Mañá xoves, 28 de abril, ás 11.00 horas, no salón de plenos do Concello de Tui, terá lugar o acto de presentación do XII Enduro Cidade de Tui e Trofeo Ibérico Eurocidade, que se disputará en Tui este sábado 30 de abril.

A proba está organizada polo Motoclub Randufe e a Liga Galega de Moto de Campo, en colaboración co Concello de Tui e a Federación Galega de Motociclismo. Este evento forma parte do Calendario Deportivo da Eurocidade e confinanciado polo programa operativo Interreg Valença-Tui.

Na mesma estarán presentes o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, o concelleiro de Deportes de Tui, Rafael Estévez, o presidente e o vocal do Motoclub Randufe, Adolfo Pereira e Iago Araujo, respectivamente, e o director técnico da proba e representante da Liga Galega de Moto de Campo, Javier Quintas.

Novo horario da Oficina de Biorresiduos e Compostaxe
A Oficina de Biorresiduos e compostaxe do Concello de Tui, situada no Centro Municipal de Formación en Guillarei, terá a partir do 5 maio horario de atención á cidadanía os xoves 10 a 14 h.

Deste xeito, con este horario fixo semanal, búscase prestar unha atención máis personalizada e mellorar o servizo non tendo que concertar cita previa para realizar calquera das xestións nesta oficina de compostaxe municipal.

Así as persoas interesadas poderán achegarse os xoves á oficina a solicitar un composteiro individual ou aireadores, así coma caldeiros para a compostaxe comunitaria, recoller material estruturante e resolver as dúbidas sobre a xestión de residuos e o proceso de compostaxe.

Por outra parte, tamén no mes de maio, comezarán as charlas informativas nas parroquias tudenses para explicar o Plan Municipal de Compostaxe.

Nas mesmas as persoas interesadas poderán obter un composteiro individual complementando no momento o impreso de solicitude. As primeiras charlas terá lugar o venres, 6 de maio, ás 20 h no Centro Cultural de Pexegueiro, e ás 21.30 h no Centro Cultural de Areas.