Premios de Educación Concello da Guarda 2023

Aos estudantes máis laureados no ámbito educativo no curso 2022-2023

A Guarda | Un ano máis no Concello da Guarda celebrouse a cerimonia de premiación dos estudantes máis laureados no ámbito educativo no curso 2022-2023, tanto por expediente académico como por esforzo persoal. Un acto que foi máis tarde ca anos anteriores dado o recente cambio de goberno municipal.

De acordo coas bases reguladoras, expostas na web do Concello da Guarda, puideron optar a eles, os alumnos dos seis centros educativos da vila, o CEIP A Sangriña, o CEIP Rodríguez Sinde, o CEIP As Solanas – Nicolás Gutiérrez Campo, o IES A Sangriña, o Colexio P.P. Somascos – Fundación Educere, e o Colexio Plurilingüe San Xosé da Guarda.

O acto tivo lugar este luns 30 de outubro ás 19:30 horas no Salón de Plenos da Casa dos Alonso no Concello da Guarda, un acto público ao que o novo equipo de Goberno municipal convidou a toda a cidadanía a estar presente e poñer en valor o esforzo e talento da mocidade da nosa vila no ámbito educativo e académico, nunha cerimonia na que estiveron presentes tanto o Alcalde, Roberto Carrero, como o Concelleiro de Educación, Aser Estévez, así como outros membros da Corporación municipal.

Foron agasallados por parte do Concello da Guarda un total de 28 estudantes: 10 deles de Educación Primaria, Sara Fernández Miniño e David Fernández Miniño do CEIP A Sangriña, Antía Costa Castro e Karen Costa Correa do CEIP Rodríguez Sinde, Amanda Cabanelas e Daria Koryrieva do CEIP As Solanas, Paula Durán Gómez e Sabela Mauri Cadilla polo Colexio San José, e Inés Franco Sobrino e Daniela Álvarez Lomba polo Colexio Somascos.

Outros 8 estudantes de 4º da ESO foron galardoados polo Concello: Barayan Lomba Portela e Alonso Martínez Lomba do Colexio San José, Isis González Velasco e Mario Alonso Estévez do Colexio Somascos, e Gema Peniza Rodríguez, Estela Pérez Lomba, Xiana Aldea González e Samuel Verde Vicente do IES A Sangriña.

Finalmente, recolleron os seus premios, Adrián González Casasnovas e Rocío Martínez Villasenín entre ao alumnado de Ciclos Superiores, Laura Méndez Barbosa, Aarón Alonso Rueda e Tomás Moroño Souto, entre os alumnos de Ciclos Medios, e Pablo Coballes García, Eva Rodríguez Sánchez, José Manuel González Lomba, Iago Soler Lomba e Pablo Costas Salinas, entre o alumnado de 2º Bacharelato, todos eles do IES A Sangriña.