Premios da D.O. Ribeiro aos restaurantes A Mundiña, Vinoteca Saborido e Tapas Areal

Contan cunha ampla carta de viños da denominación Ribeiro

Ribadavia | Cando xa só queda unha semana para a celebración dos XI Premios D.O. Ribeiro, o Consello Regulador deu a coñecer o nome dos establecementos que serán galardoados este ano “pola destacable presenza dos nosos viños en carta e por ser exemplo da hostalería galega”, tal e como sinalou o presidente da entidade, Juan Manuel Casares, quen destacou o gran labor de difusión do Ribeiro que se fai desde estes locais.

Nesta edición, os premiados son A Mundiña da Coruña, galardoada como Mellor Servizo de Viño en Restaurante; Saborido de Ourense, como Mellor Tenda Especializada – Vinoteca, e Tapas Areal de Vigo como Mellor Taberna – Bar de Viños. Os galardóns entregaranse no transcurso dunha gala o próximo día 16 de xuño, ás 19.00 horas, no Centro Ágora da Coruña, cidade elixida pola entidade tras a celebración da cerimonia o pasado ano en Ourense, coincidindo co X aniversario.

Ademais, recibirán tamén premios nesta edición Alfonso Sánchez Izquierdo, Persoeiro de Honra; Pilar Cavero, Muller e Viño; Emilia Díaz Losada, Ribeiro en Nós; José Estévez Fernández, Vida entre Vides, e a revista HUM!, Mellor Tarefa de Comunicación, e recoñeceranse os mellores viños brancos e tintos, de adega e de colleiteiro da D.O. Ribeiro, elixidos na cata oficial.

Unha semana de actividades
Do mesmo xeito que na pasada edición, o Consello Regulador da D.O. Ribeiro organizou un completo programa de actividades que darán comezo o día 13 na Coruña, a fin de achegar os viños da D.O. ao público.

Así, na sede de Afundación, do 13 ao 17 de xuño celebrarase o Túnel dos viños da D.O. Ribeiro, que permanecerá aberto ao público no salón Planta -1, en horario de 12.00 a 14.30 horas, podendo visitarse tamén do 13 ao 15 en horario de tarde, entre as 19.00 e as 21.15 horas.

Por outra banda, no Centro Ágora e ao longo desa mesma semana, celebraranse diferentes catas nas aulas da 1ª Planta, en horario de 20.15 a 21.30 horas. A primeira delas, prevista para o día 13, centrarase nos treixadura, tanto brancos como tostados, e será conducida por Alejandro Padín.

O día 14 Alberto Varela dirixirá a cata de viños tintos de castes, mentres que ao día seguinte Nati Cid conducirá a cata titulada Viños de Mulleres. Tanto o túnel como as catas serán con entrada libre e gratuíta ata completar o aforo.

As actividades, que serán presentadas nunha rolda de prensa, finalizarán o venres 17 co acto de clausura previsto para as 20.15 horas na sede Afundación, sendo o acceso ao mesmo con invitación, do mesmo xeito que para a gala de entrega de premios do día 16.