Premio “María Moliner de animación á lectura” para a biblioteca de Sober

Concedido polo Ministerio de Cultura e a FEGAMP
Biblioteca municipal de Sober.

Sober | A biblioteca pública de Sober acaba de ser galardoada cun dos premios María Moliner de animación á lectura que conceden o Ministerio de Cultura e a Federación Española de Municipios e Provincias. O centro xa conseguira este galardón noutras seis ocasiones.

A distinción foille outorgada por un programa denominado “Sober coa lectura” que comprende actividades para nenos e adultos. O premio conleva unha subvención en metálico de 2.000 euros para a compra de libros e publicacións periódicas.

Os premios María Moliner concédense ás bibliotecas que levan a cabo un proxecto único que inclúa accións de animación á lectura e valoran especialmente aspectos como a eficiencia no labor bibliotecario, a integración social na comunidade e o uso das novas tecnoloxías. A biblioteca de Sober foi a única da provincia, xunto coa de Xermade, que foron premiadas na edición deste ano.

As actividades de animación á lectura son programadas pola bibliotecaria Julia Fernández Garza, a animadora sociocultural Dunia Rodríguez Vázquez e a técnica municipal de informática Rocío Fernández Pérez.

Entre estas actividades figuran o programa semanal Merendas con Contos, dedicado aos usuarios de idade escolar, e o club de lectura Pintor de Castinande, para usuarios adultos, así como moitas outras actividades que se organizan ao longo do ano.

O alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián, asegura que esta nova distinción “é un recoñecemento ao traballo que se fai, e que non cesou durante a pandemia porque sempre cremos que o apoio á cultura é fundamental tamén en momentos complicados e xa desde as idades máis temperás”.