Preacordo de convenio dos servizos de recollida de lixo en Ponteareas

Asinado entre Concello, empresa e representantes sindicais

Ponteareas | A alcaldesa, Cristina Fernández Davila, xunto con representantes da empresa FCC Medio Ambiente e dos e das traballadoras asinaron este luns un preacordo para a firma de convenio colectivo dos servizos de recollida e transporte dos residuos sólidos urbanos, da xestión do punto limpo municipal e da limpeza da vía pública en Ponteareas.

Tras a convocatoria de folga xeral por parte dos representantes sindicais, a mediación feita dende a Alcaldía do Concello de Ponteareas foi fundamental para desbloquear a situación e chegar a consenso e a un principio de acordo despois de varias reunións mantidas con todas as partes ao longo do último mes.

Coa sinatura deste preacordo dáse un paso adiante na estabilización deste servizo e na redacción definitiva do novo convenio que permita mellorar as condicións laborais e salariais do persoal antes de que remate o actual o vindeiro 31 de decembro e que terá unha vixencia de catro anos.

O novo convenio contemplará un incremento salarial cun horizonte do 12% e a incorporación dunha cuarta paga no último ano de convenio, así como melloras sociais como dous descansos máis ao mes, entre outras.