PP Tomiño defende aos traballadores municipais no caso do uso fraudulento do gasóleo

Responsabiliza ao goberno municipal e lle esixe pedir desculpas á cidadanía

Tomiño/PPdeG | O PP de Tomiño lamentou hoxe, con respecto ao uso fraudulento de gasóleo en vehículos municipais por parte do Concello, o “ataque furibundo e desproporcionado” do goberno local ante a sanción imposta pola Axencia Tributaria, “que cremos que demostra que están moi nerviosos ante o descubrimento destas irregularidades e que só responde ao seu intento de tapar uns feitos moi graves”.

Os populares deixaron ben ás claras que defenden absolutamente o traballo, a profesionalidade e pulcritude dos traballadores municipais de Tomiño e responsabilizaron exclusivamente ao goberno local de Sandra González da infracción tributaria polo uso de gasóleo agrícola en vehículos municipais.

“Todo o mundo sabe que os funcionarios de Tomiño son moi cumpridores e actúan coa máxima dilixencia, e dende o Partido Popular somos os primeiros en recoñecelo, pero o problema destas irregularidades está unicamente no goberno do BNG, que permite o uso externo do parque móbil en días non laborables, algo que nos deixa perplexos e do que non sabemos os motivos, e aí é de onde xurden estas irregularidades co gasóleo e que sustenta a multa imposta pola Axencia Tributaria ao Concello”, manifestaron dende o PP.

A formación que lidera Lara Meneses referiuse tamén á saída en tromba do Concello de Tomiño ante a confirmación da sanción por parte do organismo dependente do Ministerio de Hacienda asegurando que “non por dicir exabruptos tense a razón, e máis cando teñen unha multa que pagar enriba da mesa, polo que cremos o goberno do BNG está caendo nun ridículo estrepitoso falando de desinformación, porque hai unha sanción e a Axencia Tributaria rexeitou as súas primeiras alegacións”. “Utilizan argumentos embarullados para tentar poñer unha cortina de fume sobre este asunto”, engadiron os populares.

Ademais, o PP de Tomiño dirixiuse directamente aos concelleiros Uxío Benítez e Alexandre Pérez como responsables desta “desfeita” e agarda que “teñan a humildade de pedir desculpas aos tomiñeses por non facer o seu traballo de controlar axeitadamente a frota do Concello e que dean explicacións, que aínda non o fixeron, dos motivos polos que permiten o uso particular de vehículos municipais ou alugados polo Concello en días non laborables”.

“E unha última cousa, o que fala mal de Tomiño non é o Partido Popular, o que fala mal de Tomiño é ter un goberno local que é noticia por non controlar os coches do concello, por permitir o seu uso privado e por ter que pagar unha multa por fraude no gasóleo. O que fala mal do Concello é a prepotencia e obcecación de non admitir o erro, a falla de traballo e de xestión municipal do goberno local e de ter uns concelleiros endeusados que cren que o fan todo perfecto pero que teñen abandonados aos veciños e que acaban de ser multados, como administración local, pola Axencia Tributaria”, concluiron os populares.