PP Tomiño critica a redución de actividades da Policía Local

Estarán activos só días laborais e quendas de mañá a partir do 1 de xaneiro

Tomiño/PPdeG | A partir do 1 de xaneiro de 2023 o Concello de Tomiño só dispoñerá de Policía Local os días laborables e en quendas de mañá.

Chegamos a esta situación esperpéntica froito dunha pésima xestión por parte da alcaldesa e o seu goberno. A policía local é unha competencia municipal, por tanto, son os responsables de garantir un servizo operativo para todos os veciños de Tomiño.

As baixas laborais deben cubrirse tal e como indica a lei. Por que cando hai un problema deste tipo nos centros de saúde a Sra. Alcaldesa se envalentona en resolvelo e agora non o fai? Aquí non traballan amigos?

A seguridade cidadá é un deber da súa función pública e ela é a máxima responsable deste panorama lamentable. Para rematar, a situación aínda pode ir a peor. O día 31 os auxiliares terminan o seu contrato vixente e a lei de contratación impide volver contratar a este tipo de persoal de maneira eventual. É noso deber esixirlle á alcaldesa Sandra González e ao seu goberno do BNG unha solución definitiva para esta insensatez. Xa abonda de disparates, de improvisar con asuntos tan serios e de actuar de forma mezquina contra o benestar de todos os tomiñeses e tomiñesas.