PP Ponteareas destaca o seu labor urbanística e de emprego

Con sendos actos sectoriais coas conselleiras Ánxeles Vázquez e Elena Rivo

Ponteareas/PPdeG | O traballo a contra reloxo do Partido Popular ao fronte do goberno municipal conseguiu reverter a situación de caos en materia de urbanismo na vila. Así o aseverou a edil da área, Silvia Fernández, nun acto sectorial que tivo lugar no Centro Artístico Sportivo no que tamén interveu a alcaldesa, Nava Castro e a vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ánxeles Vázquez.

No evento, que se celebrou no marco das eleccións autonómicas, Fernández apuntou que “o actual goberno, co Partido Popular ao fronte, traballou a contra reloxo para que os veciños e as veciñas da vila non perderan 2 millóns de euros que o anterior executivo liderado polo BNG comprometera”. Insistiu en que “non o dicimos nós, se non que foron os propios técnicos do Ministerio de Facenda os que confirmaron este caos absoluto dos nacionalistas”.

Deste xeito, a edil salientou o traballo levado a cabo polo Partido Popular ao poñer toda a maquinaria a funcionar co obxectivo de salvar a subvención pertencente á EDUSI e apuntou que “fomos capaces de facelo en seis meses cando o BNG non foi quen en oito anos”. Ademais, lembrou que o Partido Popular cumpriu cunha demanda histórica ao iniciar a redacción do Plan Parcial de A Lomba, un documento que permite outorgar seguridade xurídica ás empresas e indicou que “é unha mostra do que caracteriza ao PP, xestión, estabilidade, e optar por poñerse a traballar e non por crear barullo”.

Pola súa banda, a alcaldesa, Nava Castro, explicou que “situámonos ao carón dos servizos públicos, puxemos a disposición da Consellería de Sanidade os terreos necesarios para que a veciñanza poida contar cun novo centro de saúde e construiremos unha nova ludoteca para a cativada da vila. Isto é o que caracteriza ao Partido Popular, traballo e compromiso fronte ás liortas e o desleixo”.

A Conselleira Ánxeles Vázquez, felicitou o traballo do goberno local que lidera Nava Castro, ao conseguir que Ponteareas sexa o primeiro municipio dos 33 concellos de Galicia que sacaron lineas de axudas ARI “áreas de rehabilitación integral” para a rehabilitación da zona vella de Ponteareas. Ánxeles Vázquez tamén informou da preocupación do goberno autonómico polos mozos que a pesar de ter un traballo fixo, ben sexa funcionario, camareiro ou outra profesión e queren comprar unha vivenda e acoden ao banco pero non teñen un aval ao 100%, a Xunta de Galicia decidiu que lles pon un aval do 20% para chegar ao aval necesario, unha medida pioneira que foi copiada polo goberno central.

Finalmente, sinalaron que, en materia de urbanismo, “o actual equipo de goberno construímos unha Ponteareas que funciona para todos e para todas. Todos e todas son igual de importantes, tanto as persoas que viven no centro urbano como as que teñen a súa vivenda no rural”.

Acto sectorial de emprego
O traballo e a xestión do Partido Popular ao fronte do goberno municipal de Ponteareas centrou o acto sectorial no marco das eleccións autonómicas. Participaron no evento a actual conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, a candidata da provincia, Raquel Plana, a alcaldesa Nava Castro e a edil da área no Concello, Silvia Fernández.

A candidata pola provincia de Pontevedra, Raquel Plana, puxo en valor o traballo que realizou o Partido Popular tanto a nivel autonómico como nos sete meses do goberno municipal en Ponteareas. Desta maneira, agradeceu o investimento que realizou a Xunta de Galicia na vila co obxectivo de aumentar o grao de inserción laboral. Unha contía que ascende ao millón de euros. Plana cualificou estas iniciativas como “políticas estables, realista e frutíferas que fan que Galicia funcione e que permitirán que siga funcionando a partir do 18 de febreiro, sen barullos”.

Pola súa banda, a alcaldesa Nava Castro, agradeceu a implicación da conselleira de Promoción do Emprego e de Igualdade, Elena Rivo, á hora de apostar por iniciativas que responden ás necesidades dos veciños e das veciñas que desexan atopar un posto de traballo. Unhas iniciativas que, ademais, atópanse en consonancia coa demanda do tecido empresarial. “É unha mostra de que o Partido Popular está alí onde se lle necesita, escoitando ás diferentes partes para chegar a un punto de acordo no que resulten beneficiarias todas as partes”.

A edil de Emprego do Concello de Ponteareas, a popular Silvia Fernández, “é xusto recoñecer o traballo que realiza a Xunta de Galicia durante todos os días do ano co obxectivo de que contemos cun maior número de persoas que conseguen un posto de traballo. Aquí, en Ponteareas, somos testemuñas dese labor polo que, de novo, grazas á conselleira Elena Rivo por contar con nós para poñer en marcha estas iniciativas pioneiras que buscan o benestar de todos e de todas”.

A Conselleira, Elena Rivo, confía e inviste nos obradoiros como clave de desenvolvemento do emprego da man dos concellos, destacando as realidades locais e propiciando a máxima empregabilidade dos seus veciños e veciñas. Tamén nas micro credenciais, “formacións curtas” de maquinarias específicas da industria para os empregados das empresas.

Destaca os Polos de emprendemento para axudar aos mozos e maiores que teñen iniciativas empresariais, apoiando a innovación e a creatividade. Ademais confía no reforzo do servizo público de emprego de Galicia coa incorporación de orientadores laborais, intelixencia artificial para sincronizar a oferta e demanda de emprego e o reforzo do programa Galicia emprega, destinado as persoas con maior dificultade de acceso ó emprego.