PP Ponteareas criticou a “falta de promoción” por parte do Concello sobre o Concurso de Gaitas do País

Denunciou que "por primeira vez en 55 anos non se celebrará este tradicional concurso, o máis antigo de Galicia”

Ponteareas/PPdeG | O Grupo Municipal de o PP lamenta que se perda, por primeira vez en 55 anos, o Concurso de Gaitas do País máis antigo de Galicia, debido á falta de promoción e mellora das bases que o bipartito non realizou.

“Mañá, día 17 de setembro, estaba previsto celebrar este evento ao que sempre asistían os mellores grupos. Participaban, vestidos cos traxes tradicionais, tocando en directo con gaitas, un tambor e un tamboril”, indicaron os populares.

“Este ano non se presentou ninguén. Desde o Concello levan anos sen mellorar as bases deste evento consolidado no noso municipio. Non contan cos membros do xurado, expertos na materia, non melloran os premios, non facilitan a participación e aínda por riba non hai nin rastro de promoción por parte do bipartito”, lamenta a portavoz popular, Belén Villar.

O PP falou con algúns dos participantes doutros anos e organizadores para mostrarlles o seu máximo apoio e presentará unha moción para recuperar este evento. “Imos solicitar unha modificación urxente das bases para que poida celebrarse este ano. Se desde o Concello non queren facelo, pediremos colaboración a outras administracións”, advirten.