PP Ponteareas critica que a licitación da EDAR quedara deserta

Acusa ao goberno central e o bipartito de falta de interese con esta obra

Ponteareas/PPdeG | O Grupo Municipal do PP lamenta que a nova depuradora, tan necesaria para finalizar o saneamento e abastecemento de Ponteareas, sufra un novo pau ao quedar deserta a súa licitación.

“Non sabemos se se debe a un problema no proxecto ou un erro no cálculo de investimento e orzamento, o certo é que, polo momento, ningunha empresa considera interesante e rendible facer esta infraestrutura. Sospeitamos e así o denunciamos no seu momento que o importe destinado polo Goberno Central a esta obra era insuficiente, seguramente este sexa o principal motivo polo que ninguén ofertou”.

Os populares consideran que nin o Goberno Central nin o bipartito local teñen interese real en sacar adiante esta infraestrutura porque todos os pasos que se deron no últimos sete anos foron para “paralizala ou atrasala”.

“O PP, coa presidencia de Mariano Rajoy, conseguiu que se declarase esta obra de Interese Xeral do Estado, o que propiciou axuda europea e que tivese carácter prioritario, pero o certo é que desde 2018 ata o de agora foise atascando o expediente ata o punto de atrasar a súa construción ao ano 2024”.

Belén Villar considera unha mala noticia que a licitación quedase deserta e fará unha proposta ao pleno para avaliar o financiamento destinado e coñecer os novos prazos. “Supoñemos que o financiamento proposto non era suficiente, polo que as empresas decidiron non presentarse.

Por outra banda, isto supoñerá un novo atraso para acometer o saneamento que fai falta no noso pobo, paralizado durante o últimos sete anos polo actual bipartito”.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Outros artigos