PP Ponteareas condena a expulsión de Belén Villar dun pleno municipal

Tras acusacións na súa contra por parte da alcaldesa Fernández Davila

Ponteareas | No pleno municipal do Concello de Ponteareas celebrado este 30 de xuño, a voceira do Partido Popular Belén Villar foi expulsada por indicación da alcaldesa Cristina Fernández Davila e do concelleiro Roberto Mera no momento en que, segundo indicaron fontes “populares”, se discutía o tema da privatización do contrato da auga por parte do goberno BNG-PSdeG/PSOE.

O PP Ponteareas manifestou o seu rexeite ante as acusacións da alcaldesa contra Villar de presuntamente “amañar contratos con cargos públicos”. Isto provocou as respostas por parte de Villar pedindo á alcaldesa que retirase esas afirmacións da sesión plenaria aducindo que “non existe ningunha acusación nin condena” na súa contra, polo que considerou as acusacións da alcaldesa como unha “falta de respecto”. Xerouse así un cruce de palabras entre Fernández Davila e Villar, na que a alcaldesa instou en varias ocasións á voceira “popular” a que cortara o seu micrófono.

Acto seguido interveu o concelleiro Roberto Mera invocando o artigo 37 do regulamento orgánico dos plenos municipais no que, tras verificarse tres chamadas á orde por parte da alcaldesa contra Villar por interrupción do uso da palabra e con advertencia na segunda chamada, debía procederse á expulsión da voceira do PP. Deste xeito, a alcaldesa pediu a Villar que abandonara o pleno, negándose esta a facelo esixindo ao mesmo tempo á alcaldesa que se desculpara por estas acusacións.

O PP Ponteareas considera que Villar non cometeu falta algunha e que “nin a alcaldesa nin Mera poden expulsala dun pleno municipal” xa que “foi elixida democraticamente”, e menos aínda tras verter “acusacións moi graves” na súa contra. Tras afirmar que Villar “tomará as accións que correspondan” ante esta expulsión, o PP Ponteareas criticou igualmente o “lamentable nivel de crispación” existente no Concello.

Analista de xeopolítica e relacións internacionais. Licenciado en Estudos Internacionais (Universidade Central de Venezuela, UCV), magister en Ciencia Política (Universidade Simón Bolívar, USB) e colaborador en think tanks e medios dixitais en España, EE UU e América Latina.