PP: “O Goberno central non licitará antes de finalizar o ano carrís de adiantamento da N-120”

O tramo pendente de actuación atópase entre o Alto de Guítara e Ourense

Ourense | Os deputados do PP na provincia de Ourense denuncian que o Goberno central incumprirá o compromiso de licitar antes de finalizar 2023 carrís de adiantamento na estrada N-120, desde Peares-Alto da Guítara ata Ourense.

“A estrada nacional N-120 é a única vía de comunicación entre as comarcas orientais de Ourense, a comarca de Lemos e a cidade de Lugo. Unha estrada na que a diario é utilizada por miles de veciños da comarca de Valdeorras para desprazarse a Lugo e ademais facilita a fluidez do tráfico”, indicou nun comunicado o deputado popular Celso Delgado.

En novembro de 2017, asegura, o Goberno central iniciou a redacción dun proxecto para a implementación dun terceiro carril entre os quilómetros 548 e 564. Así, desta forma, a terceira vía solucionaría os problemas que xera as liñas continuas e que impiden o adiantamento.

O 2 de marzo, o secretario xeral de Infraestruturas (SGI) do Ministerio de Movilidade, Xavier Flores, visitou o Bierzo e Valdeorras e pronunciouse sobre varias infraestruturas viarias e aseguraba que estarían licitadas antes de finais deste ano.

De feito, o BOE do 26 de xaneiro de 2023 publicou o anuncio da Demarcación de Estradas do Estado en Galicia polo que se publicaba a resolución do Ministerio de Transportes, Movilidad e Axenda Urbana pola que se aprobaba provisionalmente o proxecto de trazado.

Pero o pasado 6 de novembro o Goberno respondeu sobre esta cuestión ás preguntas do PP: “En relación co asunto interesado, sinálase que actualmente se está traballando na aprobación do expediente de información pública e do proxecto de trazado do proxecto de mellora da seguridade viaria na N-120”.