PP de Mos pide á Deputación apoio económico ante a crise de Ucraína

Ante o incremento do gasto corrente derivado deste conflito

Mos/PPdeG | O grupo municipal dos Populares de Mos levou hoxe a Pleno dúas mocións que foron aprobadas por maioría. Feito celebrado e aplaudido pola alcaldesa popular mosense, Nidia Arévalo, e polo tenente acalde, voceiro do PP de Mos e presidente do comité local do Partido Popular, Camilo Augusto.

As mocións foron, unha sobre o impacto económico da invasión de Ucraína e outra para instar á Deputación de Pontevedra a que aprobe un plan económico específico para apoiar aos pequenos e medianos concellos da provincia ante o aumento esaxerado do gasto corrente, producido principalmente polo incremento do prezo da luz, dos combustibles e dos subministros de materiais.

Na moción sobre o impacto económico da invasión de Ucraína acordouse instar desde o Concello de Mos ao Goberno de España a que faga efectivo o compromiso asumido na declaración pactada na Conferencia de Presidentes celebrada o domingo 13 de marzo de 2022, e poña en marcha as medidas urxentes necesarias para minimizar as consecuencias socioeconómicas nas empresas e nos cidadáns tras a invasión de Ucraína e, entre elas, as seguintes: Baixada dos impostos que gravan a electricidade, o gas, a gasolina e o gasóleo.

Medidas específicas para os sectores máis afectados: transporte, industrias electrointensivas, pesca, agrogandería e turismo. Rectificar a política enerxética abrupta que se vén levando a cabo e apostar por unha transición planificada, proporcional e xusta. E reverter o incremento xeneralizado de impostos, descartando a implantación de peaxes nas autovías que suporían novas cargas para as familias e os sectores produtivos esenciais.

Así mesmo, o Concello de Mos insta á Xunta de Galicia a analizar, xunto cos sectores máis afectados polas consecuencias da invasión de Ucraína (transporte, industrias electrointensivas, pesca, agrogandería, turismo …) e, en coordinación coas políticas que ao efecto se impulsen pola Unión Europea e polo Goberno de España, a poñer en marcha aquelas medidas necesarias, no ámbito das súas competencias, coa finalidade de mitigar a situación pola que atravesan os mencionados sectores.

Esta moción contou cos votos a favor de PP e Verónica Costas (concelleira non adscrita), coa abstención de Román González (concelleiro non adscrito) e cos votos en contra de PSOE, GañaMos e BNG.

En canto á moción do grupo municipal do PP para pedir á Deputación Provincial un plan específico de apoio aos concellos ante o incremento do gasto corrente provocado polo prezo da luz, do gas, do combustible e do subministro de materiais, coa súa aprobación acórdase instar á Deputación de Pontevedra a que aprobe un plan económico específico para apoiar aos pequenos e medianos concellos da provincia ante o aumento esaxerado do gasto corrente, producido principalmente polo incremento do prezo da luz, dos combustibles e dos subministros de materiais.

Esta moción contou cos votos a favor de PP, GañaMos, Verónica Costas (concelleira non adscrita) e Román González (concelleiro non adscrito) e cos votos en contra de PSOE e BNG.