Portugal reivindica en Xantar os seus Camiños a Santiago

O 18º Encontro Internacional de Confrarías Gastronómicas reuniu a máis de cen confrades de España e Portugal

Ourense | Nesta edición de Xantar especialmente dedicada a promocionar a gastronomía xacobea, Portugal aproveita a súa presenza na feira para reivindicar a importancia dos distintos Camiños a Santiago que atravesan o país con meta en Compostela.

Leste foi o fío argumental da segunda xornada de Xantar 2022 que estivo dedicada ao Turismo, ás Confrarías, á Entidade de Turismo Porto e Norte e á Cámara Municipal de Vila Real, cidade hermanada coa cidade de Ourense desde hai case 40 anos (cúmprense en 2023).

Este acto estivo presidido pola directora da Axencia de Turismo de Galicia, Nava Castro, quen destacou que “o Camiño é un dos grandes nexos de unión que Galicia ten con Portugal”.

A promoción dos distintos camiños portugueses é o que levou á Federación Portuguesa a participar por primeira vez en Xantar. Esta federación integra a 39 municipios portugueses, algúns dos cales como Braga, Peso dá Régua, Setúbal, Viana do Castelo, Vila Nova de Gaia e Vila Real, están presentes ademais con caseta propia.

Estes municipios cobren prácticamente todo o territorio de Portugal, desde o interior e a costa do Alentejo, a Zona Centro e, en particular, tamén desde o interior ata a costa de toda a Rexión Norte e, en particular, coas principais cidades e localidades fronteirizas portuguesas que forman parte dos diferentes Camiños.

Desde hai 18 anos cada xoves de Xantar celébrase o Encontro Internacional de Confrarías Gastronómicas e Enófilas que este ano celebrou a maioría de idade reunindo a unha trintena de confrarías e a máis dun centenar de participantes. Durante este encontro púxose de relevo o problema actual destas entidades e que non é outro que a falta de substitución xeracional.

O presidente de FECOGA, Juan Garmendia, indicou durante a súa intervención que desde as confrarías deben de seguir traballando para facer ver que estas formacións son grandes defensoras da calidade dos produtos autóctonos e na defensa do territorio.

Nesta segunda xornada continuou desenvolvéndose o completo programa de actividades de Xantar que incluíu os talleres de promoción dos alimentos de calidade con D.Ou. ou I.G.P. ou con selos como “peixarías, de onde senon?” promovidos desde as Consellería do Medio Rural e da de Mar da Xunta de Galicia. Hoxe tamén se impartiu o taller infantil sobre as posibilidades das conservas de peixe e marisco “Cata a lata” promovida por ANFACO-CECOSPESCA e na que participaron escolares da provincia.

No relativo á formación, hoxe impartiuse unha xornada sobre sustentabilidade na viticultura promovida pola Estación Evega e a Axencia Galega de Calidade Alimentaria – AGACAL que reuniu a 50 adegueiros de toda Galicia.

O espazo de festas gastronómicas volveu ser hoxe un das áreas máis concorridas. Hoxe presentáronse, e degustaron, a Festa dos Callos de Salceda de Caselas, O Birlo non Pote de Mazaricos, e os sabores de Vilariño de Conso (cabrito e montonico). Este último concello ourensán presentou ademais o documental “Camiño a Vilariño” nomeado aos Premios Mestre Mateo.

Tamén se celebrou o segundo pase, na categoría de semiprofesional, do X Concurso Xantar Gourmet do Grupo Cuevas.

Pratos de ouro
E como tamén é habitual, os xoves de Xantar celébrase a Gala de entrega dos Premios de Radio Turismo. Comezará esta tarde ás 20.00 h. e estará presidida polo secretario xeral de Emigración da Xunta de Galicia, Antonio Rodríguez Miranda. A relación de premiados nesta edición é a seguinte. Pratos de ouro (recoñecemento a restaurantes). Provincia de Ourense. Restaurante Os Carafio. Pereiro de Aguiar. Restaurante Casa Gazpara. O Carballiño.

Provincia da Coruña: Restaurante Namoreira.
Provincia de Pontevedra: Restaurante Vermello, de Vigo. Restaurante Doade, de Cangas de Morrazo.

Provincia de Lugo: Restaurante Casa Gaibor, de Guitiriz. Gorros Brancos (Touches blanches).

Recoñecemento a cociñeiros: aertuhur Breixo Fuentes, de Ourense. (Restaurante A Feira).
Aron Álvarez Novás, de Pontevedra (Restaurante Os Maristas). José Luis Pardo, de Lugo (Restaurante O Boni).

Medallas de ouro
Este recoñecemento entrégao Expourense a persoas que contan cunha traxectoria de apoio a Xantar ou a outros eventos organizado polo recinto feiral. As persoas distinguidas nesta edición foron: Carlos Rodríguez, presidente CRIXP Pan de Cea e Carlos Crespo, xerente Restaurante Lareira do Leitón.