Porriño instala botóns de proximidade nos semáforos para previr contaxios

O Porriño | O Concello do Porriño anuncia a entrada en funcionamento de botóns de proximidade que non precisan contacto táctil para activar os semáforos. Trátase dunha medida relacionada cos protocolos de prevención anti-Covid19 co fin de previr riscos de contaxio.

Os botóns están colocados nos semáforos de tres cruces da vila. Un deles na Avenida Domingo Bueno, nº 2, á altura da cafetería “Scala”. Tamén na mesma avenida, nos semáforos sitos diante do Centro Cultural Municipal e Biblioteca. E na rúa Antonio Palacios na intersección coa rúa Pérez Leirós. Quedan por colocarse noutros dous semáforos na rúa Antonio Palacios, fronte ao Instituto Pino Manso, pero agardarase a que conclúan as obras de ampliación de beirarrúas que están a facerse.

A implantación destes botóns nos semáforos substitúe ao funcionamento en ámbar no que se atopaban, unha medida que se implantou dende a declaración do estado de alarma, segundo decidiu a Concellería de Seguridade, que dirixe Lourdes Moure, para evitar contacto ao premer, en prevención de contaxios.

Por outra banda, e seguindo na mesma liña a Policía Local do Porriño impuxo onte á noite na Avenida de Buenos Aires, as primeiras denuncias a varias persoas, todas elas mozas, que non facían uso das máscaras de protección nunha reunión. Cada denuncia dará lugar a multas económicas de 100 € por persoa, segundo a normativa vixente da Xunta de Galicia.

A Policía Local do Porriño, seguindo as instrucións da Concellería de Seguridade que dirixe Lourdes Moure, considera que rematou o período pedagóxico. Ata onte, os axentes lembraban aos cidadáns que debían facer uso das máscaras de protección, tanto as cirúrxicas coma as téxtiles, “de xeito obrigatorio cando non sexa posible garantir o mantemento dunha distancia de seguridade interpersoal”, segundo estableceu a Xunta no decreto publicado no DOG do pasado 27 de xuño.

Tanto a Concellería de Seguridade coma a Policía Local recomendan o uso permanente das máscaras de protección aos peóns nas rúas para previr situacións de risco.