Pontevedra promove a súa oferta turística nun workshop en Alacante

Da man da deputada de Turismo, Nava Castro e coa participación de 25 empresas e entidades

Pontevedra | Ata 25 empresas do sector turístico da provincia promocionarán este mércores, 18 de outubro, en Alacante e da man da Deputación as alternativas que ofrecen para desfrutar de Pontevedra.

Farano no marco do workshop que a institución provincial ten organizado no Hotel Spa Porta Maris by Meliá da cidade alacantina e no que a deputada de Turismo Nava Castro será a encargada de presentar a ampla oferta turística da provincia facendo fincapé nas alternativas existentes para desfrutar dela durante todo o ano. As empresas pontevedresas manterán encontros de traballo con máis de medio centenar de entidades de Alacante, Elche, Benidorm, Guardamar, Campello, Villalonga e, entre outras localidades, Orihuela.

“Pontevedra é moito máis que sol e praia”, remarcou Castro facendo fincapé en que a provincia ofrece innumerables alternativas para gozar nas catro estacións e que é precisamente neste aspecto no que vai centrar a súa intervención no workshop en Alacante.

“Veñen agora por diante unhas datas cheas de maxia e o Nadal en Pontevedra é espectacular. Tamén temos un Entroido único, con propostas singulares e moi diferentes como os Xenerais do Ulla ou as Madamas e os Galáns de Cobres. E se a isto lle engadimos unha gastronomía con produtos tan especiais que se teñen convertido en embaixadores da nosa provincia, uns viños Denominación de Orixe Rías Baixas recoñecidos en todo o mundo, unha oferta termal de calidade, ou as múltiples opcións de Camiños cara Santiago que transcorren pola provincia, sobran os motivos para visitar Pontevedra”, subliñou a deputada.

Ademais, Nava Castro aproveitará a ocasión para anunciar que o goberno provincial fará un esforzo considerable por impulsar o turismo MICE ou de reunións, incentivos, congresos e eventos partindo de lugares como o Castelo de Soutomaior, “espectacular para, entre outras cuestións, celebrar congresos especializados en turismo”.

O workshop comezará ás 19:45 horas coa recepción das empresas da provincia de Alacante no Hotel Spa Porta Maris by Meliá. Os encontros entre empresas pontevedresas e alacantinas estenderanse ata as 21:45 horas, cando comezará a presentación do destino Rías Baixas cunha actuación musical de Narci Rodríguez –que tamén pechará o evento- acompañada de imaxes da provincia de Pontevedra. Posteriormente a deputada provincial Nava Castro e o presidente do Clúster de Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal, darán a coñecer a oferta turística e as alternativas existentes para desfrutar de Pontevedra durante todo o ano. Finalmente proxectaranse máis audiovisuais e imaxes da provincia e terá lugar un cóctel degustación.

Entre as empresas da provincia de Pontevedra atópanse axencias de viaxe como Galiwonders, Viajes Celtravel, Circuitos Galicia Viajes, Viajes Interrías, Vio Viajes, Tee Travel e Simply Galicia; hoteis como Villa Covelo, Zenit Vigo, Talaso Atlántico, Hotel Alfonso I, Alda Hotels, Pazo Los Escudos, Veiga Mariña hotel rural, Gran Talaso Hotel Sanxenxo, Hotel Bahía de Vigo e Hotel Attica 21 Vigo; outros aloxamentos como Galicia Villas e Casa do Sear e oferta complementaria representada por Bodegas Vionta, Paco&Lola, Bodegas Terras Gauda, Piragüilla Ocio y Aventura, Ocean Secrets e o Castelo de Soutomaior.

Todas estas empresas terán a oportunidade de contactar con máis de medio centenar de empresas alacantinas procedentes de localidades como Alacante, Elche, Benidorm, Guardamar, Campello, Villalonga ou Orihuela entre as que destacan, principalmente, axencias de viaxe que amosaron de antemán a súa vontade de coñecer a provincia de Pontevedra con maior profundidade, contactar con provedores da zona, descubrir as opcións turísticas que ofrece, así obter información sobre rutas, cultura, experiencias e servizos complementarios.