Ponteareas terá a súa web para promover o comercio local

Co nome "Fai Ponte Con Nós", no marco do plan “Dixitaliza o teu negocio”

Ponteareas | A Concellaría de Promoción Económica do Concello de Ponteareas e a Federación de Comercio, Hostalaría e Servizos, Banastra, están a ultimar os detalles para a posta en marcha da plataforma escaparate do comercio local de Ponteareas, ‘Fai Ponte Con Nós’. Esta plataforma forma parte do plan “Dixitaliza o teu negocio”, que incluíu os pasados meses plans de formación e asesoramento individualizado para os comercios de Ponteareas e a planificación de estratexias empresariais adaptadas ao novo contexto.

Segundo indicou a Concelleira de Promoción Económica, Eva Gil, “esta plataforma escaparate para o comercio de Ponteareas está pensada para facilitar aos comercios a mellora do seu posicionamento online, e consta de catro grandes bloques. Poderase facer unha busca para atopar os locais que a clientela ten preto, visualizar o establecemento e contactar con el, así como localizalos a través da súa xeolocalización. Ademais, disporá dun bloque de actualidade que irá renovándose en función das novidades e iniciativas que afecten o comercio local de Ponteareas”.

O sitio web contará inicialmente con 58 establecementos divididos en catro categorías: comercio, servizos, alimentación e hostalería. A estes primeiros establecementos, participantes no plan “Dixitaliza o teu negocio”, irán sumándoselle máis nas seguintes fases, ata conseguir que todos os comercios e establecementos da vila que estean interesados en participar neste proxecto poidan aparecer nesta plataforma pensada para toda a veciñanza.

O obxectivo desta iniciativa levada a cabo pola Concellaría de Promoción Económica, segundo explica a concelleira nacionalista Eva Gil, “é desenvolver o potencial que ten todo o tecido empresarial do municipio e axudar na súa adaptación ás novas circunstancias do mercado e aos novos hábitos de consumo, sen perder a esencia do comercio local, de tempada e de proximidade”.

“Esforzo, traballo, tradición, ilusión e emprendemento son características comúns de parte da nosa veciñanza que loita cada día por manter vivo o pobo, por manter viva Ponteareas. E con esta plataforma o que se intenta e darlle máis visibilidade ao comercio local ponteareán”, indicou Eva Gil, que anima a todo o comercio de Ponteareas a participar neste proxecto totalmente gratuíto.