Ponteareas sumará dúas novas rotondas ao proxecto da N-120

O Concello logrou o compromiso por parte do delegado do Goberno José Miñones

Ponteareas | A alcaldesa de Ponteareas, Cristina Fernández Davila, e o delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, mantiveron este mércores un produtivo encontro no que participaron tamén membros do Goberno municipal do BNG-PSOE.

Na xuntanza, a rexedora deu traslado das problemáticas existentes nas infraestruturas de competencia estatal como a N-120 e conseguiu a confirmación do representante do Goberno de España de incorporar ao proxecto de reforma desta estrada as dúas glorietas solicitadas polo Concello e a veciñanza na parroquia de Areas e na saída de Ribadetea.

“Queremos seguir avanzando do xeito máis rápido posible na mellora da seguridade viaria da N-120 ao seu paso polas parroquias de Xinzo, Arnoso e Areas, porque xa son moitas as persoas que deixaron a súa vida nesta estrada e iso ten que rematar. Por iso lograr este compromiso para nós é moi importante, e pedimos que se traballe coa maior celeridade”, salientou Fernández Davila.

A alcaldesa tamén trasladou ao delegado do Goberno a necesidade de mellorar todo o treito da N-120 ao seu paso por Ponteareas, “especialmente na contorna do IES do Barral, que conta con case 400 escolares que teñen que camiñar a diario por unha estrada nacional sen beirarrúas nin medidas de seguridade máis que as adoptadas polo Concello diante do centro”.

Ademais, Cristina Fernández Davila amosou a súa preocupación polos continuos desprendementos de terra, pedras e árbores que se producen á altura das parroquias de Arcos, San Lourenzo e Santiago de Oliveira e salientou a importancia de leva a cabo medidas na paralela de Moreira para mellorar a seguridade da veciñanza desa parroquia.

Pola súa banda, o delegado do Goberno en Galicia asegurou que se sigue avanzando no proxecto de mellora da N-120, cuxo seguinte paso é a aprobación definitiva para a contratación, e amosou tamén o seu compromiso por realizar reunións técnicas, manter un contacto permanente e informar de cada paso ao Concello.

Ademais, Miñones gabou o gran labor e o esforzo feito polo Goberno municipal de Ponteareas para a captación de fondos de distintas administracións para continuar co seu proxecto de futuro na vila e “xerando, sen dúbida, novas oportunidades”.

Así, destacou as axudas para a transición enerxética de preto de 5 millóns de euros do Ministerio para a Transición Enerxética a través de nove proxectos para facer de Ponteareas unha vila máis sostíbel, os 13 millóns de euros captados para a modernización integral do sistema de depuración e tratamento de augas residuais do municipio, as axudas para a dixitalización ou os 1,5 millóns acadados recentemente a través para o Plan de Sostibilidade Turística Condado-Paradanta Destino Gastronómico, do que forma parte o Concello de Ponteareas.