• Segue conectado
  • |

Ponteareas reordenará os espazos peonís e o tráfico en 14 rúas da vila

O obxectivo é gañar espazos para as persoas, reducir o tráfico, o ruido e a contaminación e mellorar a calidade de vida e a seguridade

Ponteareas | O concelleiro de Mobilidade e Tráfico, Roberto Mera, presentou hoxe unha nova fase de actuacións para a reordenación dos espazos peonís e do tráfico. As rúas nas que se actuará son A Braña, Praza da Perillana, Doutor Fernández Vega, República Arxentina, Esperanza, Baratillo, Castiñeira, A Minada e Virxe da Luz.

As medidas previstas consisten en ampliar os espazos reservados ás persoas, ampliando as beirarrúas mediante o pintado sobre a calzada, a eliminación do dobre sentido de circulación, a peonalización completa dalgunhas rúas, a mellora da seguridade nos pasos de peóns e a dotación de prazas de aparcamento para persoas con mobilidade reducida e para motocicletas e bicicletas.

Coas actuacións a executar Mera sinala que “avanzamos de forma decidida cara un modelo de vila pensado para a xente. Nas rúas nas que imos intervir o espazo para as persoas apenas representa o 25% da superficie e as beirarrúas raras veces superan o metro e medio de anchura. Coas actuacións previstas os itinerarios para as persoas pasarán a ter como mínimo 2,50 metros, imprescindíbel para que, por exemplo, se poidan cruzar dúas persoas con paraugas sen baixar á calzada”.

Mera aclara que as actuacións se farán fundamentalmente mediante sinalización horizontal e o uso de elementos como maceteiros. “Este é o punto de partida para recuperar de inmediato o espazo público para as persoas e que se visualice como serán no futuro estas rúas cando se redacten e executen os proxectos de reurbanización e humanización”.

As rúas A Braña, Fernández Vega e Virxe da Luz pasarán a ser de sentido único, Castiñeira muda o seu sentido de circulación en dirección a Avenida de Castelao e A Minada invirte o seu sentido actual. “Con estas medidas reducimos o tráfico, a contaminación, o ruido e a inseguridade, axilizamos o tráfico e creamos itinerarios de saída do centro urbano. O obxectivo é eliminar o tráfico de axitación, os coches que dan voltas continuas buscando aparcar diante do seu destino, en lugar de estacionar nun aparcadoiro periférico e camiñar”, explica Mera.

Entre as medidas para potenciar os desprazamentos a pé e en bici saliéntanse a peonalización da rúa República Arxentina e a semipeonalización dun tramo de Fernández Vega ademais de completar a de Esperanza até os Ferreiros. “Con esta actuación creamos un traxecto seguro reservado para as persoas e as bicis que conecta a Praza Maior coa nova praza do Mercado Municipal e que continuará desde aí até o Conservatorio con itinerarios peonís de máis de tres metros de anchura” sinala o edil de Mobilidade e Tráfico. Na mesma liña, a rúa perimetral da Praza da Perillana queda libre de circulación de vehículos e se converte nunha ciclovía. “Xa é hora de que os nenos e nenas de Ponteareas comecen a contar con lugares apropiados e seguros nos que utilizar a bicicleta”, salientou Mera. Tamén se prevé peonalizar o tramo da rúa do Baratillo entre Doutor Fernández Vega e a fonte. Esta actuación implementarase cando se abra ao tráfico a rúa San Roque e servirá, entre outras cousas, para protexer a fonte na que impactan con frecuencia vehículos. Nas zonas peonalizadas garantirase o acceso a garaxes e nalgúns casos a circulación de taxis e a carga e descarga.

Dentro das actuacións previstas atópanse a creación de novos pasos de peóns e a creación de zonas de seguridade a cinco metros dos pasos para garantir a visibilidade das persoas que cruzan. “Imos eliminar progresivamente todos os atrancos visuais dos pasos de peóns en Ponteareas, como colectores ou estacionamentos, que poñen en risco a seguridade das persoas”, adiantou Mera.

A concellaría de Mobilidade e Tráfico iniciou unha campaña informativa explicando todas estas medidas con cartelaría distribuida en todos os edificios e comercios das rúas nas que se actuará. A información inclúe unha táboa cos aparcadoiros situados a escasos minutos de cada unha das rúas. Mera explica que con esa información “queremos que a veciñanza tome consciencia de que en Ponteareas todo está moi preto, temos unha vila ideal para camiñar e centos de prazas de aparcamento a moi poucos minutos de calquera destino. É o momento de cambiar o hábito de querer levar o coche até diante da porta do noso destino”.

Mera adiantou que a concellaría xa ten ultimada unha nova fase de actuacións na mesma liña nas rúas Carballos, Castañal, Orotava, Pedra Pequena e Paseo Matutino e na que se fará igualmente un traballo de información veciñal previo.

As novas actuacións anunciadas dan continuidade ás que se puxeron en marcha entre maio e xuño consistentes en ampliar itinerarios peonís ou asegurar a súa continuidade onde non existían ou se vían interrumpidos, unhas actuacións que atinxiron ás rúas Paseo Matutino, Carballos, Castañal, Amado Garra, Senén Canido, Praza de Bugallal, Castiñeira, Concha Brey, Constitución ou Emilio Rodríguez.

Publicado o 15 Xul 2020 en Ponteareas, Portada, Tráfico.
Síguenos na nosa canle en TELEGRAM

Iniciar sesión

Uso de cookies

Este sitio web utiliza as cookies para que vostede teña unha mellor experiencia de usuario.
Si continúa navegando está a dar seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies.
Faga click no enlace política de cookies para maior información. ACEPTAR

Aviso de cookies