• Segue conectado
  • |

Ponteareas realizará unha celebración histórica do Corpus coa súa recreación virtual

Os dous séculos de tradición das alfombras florais de Ponteareas no Corpus chegarán a todas partes a través das redes sociais


Ponteareas | O Concello de Ponteareas informa que este ano non se confeccionarán as tradicionais alfombras florais de Corpus dadas as circunstancias actuais provocadas pola pandemia do COVID-19 pero adianta que se realizarán diferentes actividades de divulgación desta tradición de dous séculos de antigüidade a través das redes sociais e dos medios de comunicación.

O alcalde Xosé Represas explica que a celebración das festas do Corpus Christi e das súas alfombras florais será unha recreación virtual e as novas tecnoloxías e canles de comunicación serán a ferramenta para continuar co legado herdado dos e das nosas maiores. “Un xeito tamén de rendir homenaxe as e os alfombristas portadores desta tradición que lograron que Ponteareas sexa uha referencia mundial en Patrimonio Inmaterial”.

Nunha reunión mantida cos e coas representantes dos e das alfombristas e cos portavoces de tódolos grupos da Corporación acordouse realizar unha campaña de difusión do Corpus Christi ponteareán utilizando as redes sociais para continuar coa difusión desta seña de identidade e chegar a tódolos rincóns do mundo con imaxes, documentos e vídeos que deixen constancia da riqueza da nosa arte efémera. “As nosas festas non pasarán desapercibidas, prolongaremos a tradición e será tamén o primeiro acto de promoción do Corpus 2021”

Os e as presentes na reunión foron unánimes na decisión de que tódolos tramos alfombristas volverán ser protagonistas na fin de semana de Corpus, dun xeito diferente que será definido ao longo destas semanas.

O alcalde de Ponteareas adianta que o Concello asumirá íntegramente a edición dunha publicación que non será igual á tradicional revista Pregón pero que recollerá e promoverá esta fonda tradición cun enfoque distinto adaptado ás novas circunstancias.

“Volveremos ter unha reunión quince días antes de Corpus para avaliar todas as posibilidades de difusión da festa e coñecer tamén as previsións da crise sanitaria. De momento seguiremos traballando para deseñar unha programación virtual que será consensuada coas persoas que fan posible o Corpus de Ponteareas”.

Publicado o 7 Mai 2020 en Cultura, Ponteareas, Portada.
Síguenos na nosa canle en TELEGRAM

Iniciar sesión

Uso de cookies

Este sitio web utiliza as cookies para que vostede teña unha mellor experiencia de usuario.
Si continúa navegando está a dar seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies.
Faga click no enlace política de cookies para maior información. ACEPTAR

Aviso de cookies