Ponteareas | O Concello de Ponteareas premia a comercios da vila pola súa creatividade á hora de deseñar a decoración de Nadal nos seus escaparates. O concelleiro da área, Ricardo González, fixo entrega dos galardóns aos tres negocios locais que acadaron o recoñecemento do xurado.
O gañador deste concurso que puxo en marcha a concellería de Comercio foi a Floristería La Primavera e a proposta de deseño de Óptica Alemana acadou o segundo posto. Pola súa banda, a decoración da tenda Bazar Romero conseguiu o terceiro lugar. Na iniciativa do Concello, participaron diferentes negocios locais que, mediante a súa creatividade, contribuíron a galonar a vila con motivos do Nadal.
Neste sentido, González apuntou que “agradecemos aos comercios locais que se sumen ás propostas do Concello que buscan dinamizar a vila e fomentar as compras no municipio” e incidiu en que “os vosos deseños son unha mostra do talento e da capacidade cos que contamos”.
O edil de Comercio fixo entrega dos premios aos propietarios e ás propietarias dos negocios que conseguiron acadar o primeiro, segundo e terceiro posto no concurso. Desfrutarán de diferentes bonos con servizos como acceso ao spa, masaxes ou unha noite de hotel no Balneario de Mondariz.