O 24 de febreiro de 1990 constituíase en Ponteareas a asociación ecoloxista Adenco (Asociación para a Defensa da Natureza do Condado), impulsada por Roberto Mera, un mozo de 18 anos que un lustro despois, en 1995, encabezaba a candidatura do BNG e lograba, nas eleccións do 28 de maio daquel ano, a primeira representación municipal do nacionalismo en Ponteareas. Transcorridos 35 e 30 anos daqueles dous acontecementos, A Peneira entrevista a Roberto Mera para analizar con perspectiva histórica a política local e abordar a actualidade.
Hai 35 anos vostede e un grupo de rapaces e rapazas ponteareáns puxeron en marcha o Grupo Ecoloxista Adenco. Pódese dicir que xa choveu…
Pois aínda que sone a tópico, semella que foi onte e un non pode deixar de sorprenderse ao ver a rapidez coa que pasa o tempo. Parece que non saen as contas, pero efectivamente, alá van 35 anos xa.
Transcorreu tempo dabondo para analizar con perspectiva histórica o acontecido nese período de 1990 a 1995?
Sen dúbida. O que ocorreu neses cinco anos foi un antes e un despois para a sociedade e a política de Ponteareas. Até 1990 as cousas estaban “atadas e ben atadas”, cun alcalde procedente do franquismo que exercía o poder con desprezo á democracia e aos dereitos fundamentais e unha oposición incapaz de erosionar e inquedar a aquel goberno de maioría absoluta aplastante e de control social e clientelar abafante. Non só non existía unha alternativa críbel e viábel, senón que os segmentos sociais que desexaban un cambio estaban instalados na resignación. Co recordo aínda recente dun ditador falecido na cama, a expresión máis repetida en 1990 para describir o futuro político de Ponteareas era que José Castro sería alcalde até o fin dos nosos tempos.
Porque xurde Adenco e quen era esa mocidade que se organiza naquel contexto sociopolítico?
Pois eramos unha xeración nacida nos últimos anos da ditadura franquista, a maioría cursando os nosos estudos universitarios, parte deles, coma min, instalados en Santiago de Compostela, unha cidade que ferve ao redor de innumerábeis movementos sociais como o ecoloxista, mais tamén o movemento contra a “mili”, o cultural, o sindical estudantil ou o da defensa da lingua e na que o nacionalismo galego emerxe como resposta política a todas esas aspiracións. Queriamos cambiar o mundo comezando dende o noso pobo. E así foi como creamos Adenco e a Asociación Cultural Irmanciños da Fala. A partir de aí a vida social, mediática e política de Ponteareas até 1995 estará marcada por esas dúas organizacións e por esa vintena de rapaces e rapazas que as dirixiamos. Calquera que consulte as hemerotecas daquel período pode comprobalo.
Que cambia con Adenco e Irmanciños da Fala no panorama ponteareán?
A reacción foi furibunda na dereita ponteareá liderada por Castro, incluindo agresións físicas e persecucións policiais e xudiciais, pero, como outra cara da mesma moeda, convertémonos nun revulsivo sen precedentes para unha parte importante da sociedade ponteareá que soñaba cun cambio político e que non soportaba aquela atmósfera irrespirábel. A acumulación de forzas foi vertixinosa: Adenco acadou en cinco anos máis de 500 persoas asociadas e unha potente influencia social e mediática cun traballo social intenso sen precedentes e sen parangón até hoxe en día. Aquela reacción represora e a nosa contestación firme e audaz está perfectamente recollida no documental “Adenco 1990-1995: cinco anos de ecoloxismo no Condado” dispoñíbel en youtube. As imaxes dese audiovisual valen máis que mil palabras.
En 1995 vostede, con 23 anos, encabeza a candidatura do BNG á alcaldía, pasan de 330 a 1.670 votos e obteñen tres concelleiros. Trinta anos despois como explica ese sorprendente resultado?
Por dous factores: traballo incansábel e liderado. Grazas a esa actividade social frenética e un traballo de información con revistas, actos e postos informativos na rúa chegamos a milleiros de persoas e unha parte importante da veciñanza percibíu a nosa alternativa como a máis útil e eficaz para combater e derrocar ao PP e José Castro. Entre 1990 e 1995 comeza a tambalearse o postfranquismo que representa o PP local, pero será un proceso lento, duro e cheo de contratempos e dificultades. Unha vez entramos no Concello, cun PP a piques de perder a maioría absoluta, comezamos unha carreira de fondo marcada pola expulsión de Castro do PP, a división da dereita en dous partidos, a inhabilitación do alcalde e o goberno tras a nosa querela polas contratacións a dedo. Iniciamos así unha etapa de 12 anos na que o BNG, elección tras elección, medrou imparábel até acadar en 2007, último ano no que eu son candidato á alcaldía, case 3.600 votos e seis concelleiros como forza máis votada.
En 2007 vostede demite e aposta por Represas como relevo. Sen embargo, tras ese cambio o BNG perde apoios. Foi un erro aquela renuncia?
En absoluto. Eu levaba xa máis de 12 anos á fronte do BNG. En 2007, aínda sendo o candidato máis votado, quedamos sen a alcaldía polo pacto de Nava Castro e Salvador González Solla. Tras catro eleccións sendo candidato non conseguiramos a alcaldía. Era necesario asumir ese risco e buscar un novo candidato e referente que puidera chegar ao electorado que aínda non confiaba no BNG. E a Represas tocoulle liderar o BNG nun período complexo, cun BNG en horas baixas tras perder a Xunta en 2009 e con graves divisións internas. Esas dificultades explican que nas eleccións de 2011 e 2015 perderamos un 30% do apoio, máis de 1.300 votos. Pero aínda así, o capital acumulado naqueles doce anos permitíunos en 2015 lograr a Alcaldía. Coa derrota da dereita e o primeiro goberno nacionalista e progresista dende 1936, presidido por Pepe como alcalde, culminamos con éxito o proceso histórico-político que iniciaramos a comezos dos 90.
Un goberno que tanto custou lograr, pero que se perdeu en só 8 anos.
Efectivamente, unha auténtica desgraza. E unha demostración de que en política o que, con gran sacrificio, se tarda décadas en conseguir pode tirarse pola borda nun abrir e pechar de ollos.
“En política o que, con gran sacrificio, se tarda décadas en conseguir pode tirarse pola borda nun abrir e pechar de ollos”
Sen embargo, tras os primeiros catro anos de goberno e sen demasiados logros visíbeis, o BNG disparou o seu resultado en 2019, por qué?
A xente sabía que en 4 anos non se podía mudar Ponteareas, que o BNG sentara as bases dese cambio e que, como dicía o noso lema de campaña, nos seguintes catro anos viría o mellor: as realizacións, as obras, os feitos, como así foi. Para gañar a confianza da sociedade Pepe incorporoume en 2019 á candidatura para ofrecer os dous referentes que o BNG tivera dende 1995, xunto a novas persoas con proxección e recoñecemento social e profesional. O obxectivo era sumar os máximos apoios e así foi: marcamos un novo teito electoral con 9 concelleiros e 4.100 votos fronte aos 2.700 do PP.
O BNG chegou ás eleccións de 2023 cun amplo balance de realizacións que non tiña en 2019. Pero o certo é que perderon apoio, a alcaldía e o goberno. Como explica que gañara as eleccións o PP de Nava Castro?
A perda de Pepe, co seu falecemento no ecuador do mandato, foi un golpe moi duro, pero tiñamos un balance excepcional de catro anos de cambios e transformacións dabondo para revalidar o goberno e a Alcaldía. As eleccións debía telas gañado o BNG.
Foi ese o motivo polo que vostede non participou na candidatura e abandonou a política municipal: un exceso de confianza pensando que as eleccións estaban gañadas?
En absoluto. Non participei na candidatura de 2023 porque esa foi a vontade e o desexo da alcaldesa e candidata do BNG. Pero debo aclarar que estaba no seu dereito e me parece respectábel. Eu sempre fun un firme defensor de que a persoa que lidera un proxecto político debe ter a liberdade de escoller o seu equipo e as persoas da súa confianza. Agora ben, sendo o seu dereito e responsabilidade, creo que foi un grave erro político e electoral, sobre todo se temos en conta que dous anos antes xa perderamos a Pepe Represas. Hoxe en día, por moito balance de logros que se presenten, as eleccións son procesos de selección de liderados e de activos electorais. O PP sábeo ben e ofreceu ao seu electorado o liderado de Nava Castro acompañada doutros referentes sociais que arrastraron apoios electorais. Pola contra, os dous candidatos e referentes do BNG até 2019 desapareceron en 2023, Pepe por falecemento e eu por vontade da candidata.
“Non participei na candidatura de 2023 porque esa foi a vontade e o desexo da candidata do BNG. Estaba no seu dereito pero foi un erro político e electoral”
Hai quen di que a súa ausencia se debeu a que vostede quería suceder a Represas e ser o candidato no 2023?
En absoluto, os feitos demostran o contrario. Tras o falecemento de Pepe apoiei a designación da nova alcaldesa, seguín a súa disposición durante os dous anos seguintes, exercendo o meu papel de escudo político e recibindo a maior parte dos ataques da oposición. E a comezos de 2023 deille o meu apoio incondicional para ser candidata, tanto nos órganos do BNG e como en público. Incluso aínda sen ir na candidatura, pedín publicamente o voto para o BNG e a súa candidata. O meu desexo era que o BNG revalidara a alcaldía e continuasen os proxectos aos que eu tamén contribuira nos catro anos anteriores.
Cre que se deberían ter asumido responsabilidades políticas pola perda da alcaldía en 2023?
Eu creo que o exercicio dun liderado implica a liberdade para conformar un equipo, facer a candidatura e tomar moitas decisións, pero tamén a obriga de asumir a responsabilidade dos resultados. Dígoo por experiencia propia. En 2007 asumín a miña responsabilidade no fracaso de non lograr a alcaldía e dei un paso ao lado. Nas elecccións autonómicas de 2009 perdemos un deputado e o goberno da Xunta e os membros da Executiva Nacional do BNG presentamos a nosa demisión dando paso a unha nova dirección. Se eu perdo nunhas eleccións case 700 votos, paso de 9 a 6 concelleiros e perdo a alcaldía, tería marchado para casa. Pero iso sería o que faría eu. Non podo falar por outras persoas.
“Se eu perdo nunhas eleccións case 700 votos, paso de 9 a 6 concelleiros e perdo a alcaldía, tería marchado para casa”
Como ve a situación política actual en Ponteareas?
Con moita preocupación. De forma moi telegráfica: temos un goberno do PP e Nava Castro dedicado basicamente a borrar do mapa, a “resetear” e destruír, calquera vestixio ou legado do noso goberno, facendo retroceder a Ponteareas a todos os niveis e recuperando as formas e modos autoritarios doutros tempos. A resignación e o pesimismo están instalados na sociedade, ante a ausencia dunha alternativa forte e a inexistencia dun liderado que ilusione e, con este panorama, as dereitas e Nava Castro non poden sentirse máis tranquilas e confiadas, dispostas a consolidarse de novo por décadas.
“Ante a ausencia dunha alternativa forte e dun liderado que ilusione as dereitas e Nava Castro poden consolidarse de novo por décadas”
Non cre que as eleccións de 2023 reflectiron que Ponteareas socioloxicamente é de maioría conservadora?
Non podo compartilo. As eleccións autonómicas do ano pasado demostran o contrario. É certo que nas municipais de 2023 o BNG obtivo case 700 votos menos que en 2019 con Represas e tamén menos que en 2007 comigo como candidato. Sen embargo, en febreiro de 2024, o BNG con Ana Pontón sacou en Ponteareas 1.400 votos máis que os que se conseguiran 9 meses antes nas municipais. Foi a primeira vez dende 1995 que o BNG logrou máis votos en autonómicas que en municipais. Sempre ocorreu o contrario: durante case 35 anos os candidatos locais conseguían mellor resultado que o BNG nos demais procesos electorais. O noso teito sempre foron as municipais, agás en 2023. Polo tanto, nin hai unha maioría social conservadora nin o BNG en Ponteareas ten teito, pode medrar moitísimo máis, volver a ser a forza máis votada e conseguir a alcaldía.
Cal sería a receita para lograr ese obxectivo?
A receita está na nosa propia historia e experiencia. Ponteareas precisa con urxencia un proxecto ilusionante con persoas á fronte que actúen como revulsivo, que canalicen e organicen socialmente o amplo malestar e rexeitamento ás políticas da dereita que existe en Ponteareas, que organicen e integren nese proxecto e alternativa política ás persoas que arelan ese cambio e que fagan críbel para a sociedade que o cambio político en 2027 liderado polo BNG é posíbel e necesario. Fixémolo cando comezamos en 1990 dende a nada e sen apenas medios e apoio. Con máis razón podemos e debemos facelo agora.
(…)
O sábado 24 de maio, varias decenas de militantes e simpatizantes do BNG convocan a unha celebración polo 30º aniversario da súa chegada á Corporación Municipal en 1995 , cun xantar no restaurante Casa Rivero en Bugarín. No acto tamén se lembrará á figura do ex Alcalde Xosé Represas (2015-2021) tomando en conta o cuarto cabodano do seu pasamento.