Ponteareas pecha as súas contas en positivo por cuarto ano consecutivo

Cun resultado favorable en máis de 200.000 euros.

Ponteareas | O Concello de Ponteareas encadea xa catro anos consecutivos en números verdes, tras facer oficial onte que o exercicio 2020 se pechou cun resultado positivo de máis de 200.000 euros. Este resultado revela que unha vez máis o Concello ingresou máis do que gastou.

“Trátase dunha boa xestión económica e duns resultados inéditos tras décadas de números vermellos, débedas e bancarrota que revelan como o goberno do BNG e PSOE foi quen de sanear economicamente un Concello arruinado”, sinala a Alcaldesa en funcións, Cristina Fdez. Davila. Ademais, salientou que estes resultados teñen especial mérito e importancia “nun ano 2020 no que a pandemia trastornou as previsións de gastos e xerou novas necesidades imprevistas, que tivemos que atender realizando un importante esforzo económico para atender ás familias que máis o precisaban, aumentando as axudas de emerxencia social e creando liñas de axuda para o comercio e a hostalaría”. O Concello destinou o pasado ano máis de 1,3 millóns de euros en axudas a familias en situación de emerxencia e a negocios e colectivos sociais.

A Alcaldesa nacionalista explicou que “esta boa situación económica permite ao Concello seguir optando a financiamento para novas obras e servizos. Para abordar grandes investimentos podemos recorrer a préstamos con boas condicións porque temos a capacidade de cumprir e devolvelos puntualmente mantendo o equilibrio económico, algo que antes non acontecía”. Davila indicou que os investimentos do pasado ano en obras ascendeu a case 2,7 millóns de euros. Ademais, as contas revelan que o Concello está ao día en todas as súas obrigas de pagamento. “Atrás quedaron os tempos nos que as empresas e persoas autónomas non cobraban polos seus servizos e subministros e tiñan que demandar ao Concello nos tribunais para poder cobrar”, lembra a alcaldesa en funcións, engadindo que “agora quen traballa para o concello de Ponteareas faino con confianza e coa seguridade de que vai cobrar nun prazo breve de tempo”.

O Goberno Local insiste na necesidade de que a Xunta asuma os servizos da súa competencia e que continua pagando o Concello, coma o Conservatorio ou a Escola Infantil, cun custo que supera o millón de euros. “Se eses servizos os asumira a Xunta, Ponteareas tería acadado un resultado positivo de 1,2 millóns de euros que poderíamos destinar a mellorar servizos ou facer máis obras”, aclarou a Alcaldesa en funcións.

Fernández Davila agradeceu o esforzo do departamento económico municipal baixo a dirección da interventora e do propio Alcalde, Xosé Represas. Así mesmo, amosouse satisfeita cos datos oficiais porque ademais “desmontan a campaña de manipulación e falsidades do Partido Popular sobre a situación económica do Concello”.

A alcaldesa nacionalista lembrou que “no ano 2014, último ano do goberno do PP e con Belén Villar coma concelleira de Facenda o resultado económico foi negativo en máis de 5 millóns de euros”. Davila recomendou ao PP e a Villar “humildade, recoñecer os seus erros, pedir perdón pola ruína e o dano causado a Ponteareas” e convidouna a “aprender do actual goberno como se xestionan con rigor os recursos públicos e os impostos que paga a veciñanza”.