Ponteareas, pasarela de grandes promesas do deseño

Co desfile “Novas Creadoras”, unha iniciativa do programa Mocidade Viva

Ponteareas | O pavillón do Complexo Deportivo Álvaro Pino transformouse a pasada fin de semana nunha gran pasarela de grandes promesas do deseño. Once creadores e creadoras, a maioría mozas de Ponteareas, participaron na primeira edición do desfile de moda “Novas Creadoras”, organizado ao abeiro do programa Mocidade Viva, unha iniciativa coa que o Concello busca promover o lecer saudábel e alternativo entre rapazas e rapazas maiores de 12 anos, dando cabida a actividades polas que amosan un grande interese.

“É un orgullo ver a grande acollida que tivo este desfile de moda, unha iniciativa ilusionante proposta polos propios mozos e mozas da vila que supuxo unha oportunidade para descubrir os grandes talentos que temos en Ponteareas e na comarca. Foi un escaparate único para coñecer o gran traballo que están a facer”, salientou o concelleiro de Mocidade, Miguel Bouzó.

Ante centos de persoas que asistiron como público, os e as deseñadoras deron renda solta á súa imaxinación e vestiron ás modelos voluntarias coas súas últimas creacións nun desfile dinámico no que puideron verse pezas para todos os gustos. A alcaldesa, Cristina Fernández, agradeceu ás persoas que “puxeron todo o seu empeño e a súa dedicación para que esta iniciativa fose un éxito”. Así mesmo, destacou “a importancia da implicación da mocidade no deseño da Ponteareas que queremos, unha vila na que o talento e a creación conten con oportunidades para desenvolverse.”

As e os protagonistas
Nesta primeira edición participaron como creadores Ainhoa Rivera, Lily’s, de 14 anos, que presentou unha colección de roupa extravagante, algo novo cun toque persoal que rachaba cos estándares da sociedade; Heidi Miras, de 15 anos, que leva no mundo da moda dende os 9 anos grazas á súa avoa e que actualmente cursa un ciclo de Confección e Moda; Alejandro Kimëra, de 22 anos, que presentou unha marca de roupa de estilo urbano que xurdiu durante a corentena; Marta Álvarez, Gamia, de 22 anos, traspasou á súa colección o gusto polos detalles e o agarimo polas cousas ben feitas que pasaron de xeración en xeración na súa familia; mentres que Uxía Loureiro, Clouxi, de 22 anos, con interese na creación dende cativa, transmite en cada unha das súas pezas a historia e o traballo que teñen detrás.

Pola súa banda, a deseñadora Antía Martín, Iamtia, de 23 anos e con gran vocación polo vestiario escénico, presentou unha colección que xorde da fusión entre moda e natureza pensada para a pasarela e persoas atrevidas e divertidas sen excepcións de idade nin xénero. O público tamén puido gozar das prendas de Brenda Soto, Sogo, de 23 anos, nas que deu renda solta á súa paixón pola arte cunha colección inspirada na escultura barroca e na arquitectura de Le Corbusier e outra no desenvolvemento da flor da cerdeira, ligado coa pintura impresionista.

Andrea Lourido, Al, de 25 anos, subiu á pasarela unha colección que naceu da necesidade de empoderar á muller; Claudia Salcedo, de 25 anos, quixo representar nas súas creacións a conmemoración a unha persoa querida que xa non está; Guadalupe Bautista, GB Atelier, amosou as súas obras tras a súa recente chegada ao mundo da patronaxe e a moda; e a deseñadora Ana Piña presentou tres coleccións transgresoras con reminiscencias do pasado, con tecidos innovadores e liñas frescas.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Outros artigos