Ponteareas lanza o concurso de vídeos en galego @TikTokTea

Para fomentar a nosa lingua entre os maiores de trece anos

Ponteareas | A Concellaría de Cultura e a Concellaría de Mocidade do Concello de Ponteareas, dirixidas polos nacionalistas Fernando Groba e Miguel Bouzó respectivamente, poñen en marcha un novo certame co que se pretende estimular a creatividade entre a mocidade, animar a creación de vídeos en galego con novos formatos e temáticas, e darlles visibilidade ás/aos tiktokeiras/os do Concello de Ponteareas. Deste xeito lanzan o concurso @TikTokTea no que poderá participar a mocidade a partir de 13 anos.

Os seus “TikToks”serán valorados por un xurado composto por persoas recoñecidas no
ámbito audiovisual ponteareán e nas redes sociais. Cada participante pode enviar un máximo de dous vídeos.

Para participar no certame, deberase enviar ao enderezo electrónico auditoriomunicipal@ponteareas.gal a ficha de participación cuberta e asinada, xunto co vídeo creado. O prazo de inscrición rematará o vindeiro 17 de febreiro de 2021.

Estabelécense dous premios de 100 € en cada categoría, un outorgado polo xurado e outro polo público.

Os concelleiros explican que os premios entregaranse nun acto público que se anunciará previamente no sitio web do Concello e nas súas redes sociais.

Os vídeos teñen que estar en lingua galega e deben ser de creación propia, a través da aplicación TikTok. Será obrigatoria a presenza da lingua galega, xa sexa de xeito oral, escrito ou musical. A duración de cada peza estará comprendida entre os 20 e os 60 segundos e nas gravacións realizadas en espazos públicos, débense respectar as medidas de prevención da Covid-19 existentes.