Ponteareas inicia a recollida selectiva de materia orgánica no centro urbano

Máis de 1.300 fogares da vila poderán participar neste proxecto piloto

Ponteareas | Ponteareas vén de poñer en marcha unha das iniciativas medioambientais de maior calado en materia de xestión de residuos. Baixo a denominación “Ti tes a chave”, a concellaría de Medio Ambiente que dirixe Rosa Covelo implementou o proxecto piloto de recollida selectiva da materia orgánica, mediante a colocación dun novo colector de cor marrón.

Este proxecto únese ao iniciado xa no rural nos últimos dous anos, nas parroquias de Arcos e Fontenla, onde máis de 100 vivendas veñen xestionando a materia orgánica mediante composteiros individuais. Agora, coa posta en marcha na vila deste servizo, o salto cuantitativo será moi salientábel, xa que permitirá a máis de 1.300 vivendas e familias, separar os residuos orgánico e depositalos nos 20 novos colectores marróns distribuídos por todo o centro urbano, nunha iniciativa que é pioneira en toda a comarca.

O inicio efectivo do servizo producirase o vindeiro 1 de febreiro. Previamente, as persoas interesadas en facer uso del deberán adherirse a través da páxina web do Concello, do correo electrónico titesachave@ponteareas.gal ou chamando ao teléfono 986 64 00 00.

As persoas inscritas recibirán de mans do persoal do Concello todo o material preciso, que consiste nun cubo aireado e en bolsas compostábeis para depositar neles a materia orgánica no fogar e nunha chave electrónica que permite a apertura dos colectores.

Para informar e implicar á poboación neste avance trascendental para Ponteareas na xestión dos seus residuos, o Concello instalará nas vindeiras semanas diferentes carpas itinerantes en rúas e prazas nas que a veciñanza tamén se poderá inscribir e recoller o material necesario.

O proxecto piloto está financiado polos fondos europeos NextGenerationEU ao 100% cun importe superior aos 50.000 euros. A recollida dos residuos do colector marrón será responsabilidade da actual concesionaria da recollida de lixo, FCC, e a materia orgánica será transportada e convertida en compost ou abono orgánico de calidade nas instalacións da empresa ponteareán Ecocelta. Até agora ese biorresiduo transportábase a SOGAMA para a súa incineración por un custo superior.

A alcaldesa de Ponteareas, Cristina Fernández Davila, afirmou que a posta en marcha deste servizo “é un feito histórico que marca un antes e un despois na xestión dos residuos. Tratábase dunha materia pendente en Ponteareas e no resto do país, que agora nos equipara cos países da nosa contorna europea na xestión ambientalmente correcta dos residuos”.

Rosa Covelo, pola súa banda, salientou as vantaxes do cambio de modelo: “convertemos ese residuo orgánico nun produto de valor e útil como é o abono orgánico, evitamos a súa incineración e contaminación atmosférica en SOGAMA contribuíndo a frear o cambio climático, logramos un aforro económico e apoiamos a economía local”.

A concelleira de Medio Ambiente animou á veciñanza a inscribirse no proxecto “para seguir convertendo Ponteareas nun Concello exemplar na loita contra a emerxencia climática”.

Renovación de dous vieiros no parque forestal da Picaraña
O Concello de Ponteareas segue avanzando na mellora da rede municipal de estradas e vieiros de todo municipio.

A concellaría de Vías e Obras vén de rematar a renovación de dous vieiros no parque forestal da Picaraña, onde se realizaron traballos de pavimentación de dúas pistas de acceso dende o barrio de Canedo e As Cachadas ata a confluencia co acceso dende a parroquia de Arcos.

“Durante o último mes levamos a cabo unha actuación moi necesaria e positiva para todas as persoas que pasan de forma habitual por esta zona. Trátanse dunhas pistas moi transitadas tanto a pé como polo tráfico rodado dada a súa proximidade ao parque forestal da Picaraña e ao centro urbano, polo que a súa renovación e mellora era fundamental”, recalca a concelleira, Chus Garrote.

Cun investimento de máis de 104.000 euros financiados ao abeiro do Plan Concellos 2022-2023 da Deputación de Pontevedra e tras conseguir a autorización da Dirección Xeral de Patrimonio, as obras contemplaron a limpeza da marxe dos vieiros e a apertura de cunetas ao longo de case 2,4 quilómetros de estrada. Tras estes traballos procedeuse a pavimentar os dous camiños, que contan cunha superficie total de 11.000 metros cadrados.

Como sinala a edil, as obras destes dous vieiros no parque forestal da Picaraña “forma parte do proxecto do Goberno municipal do BNG-PSOE para ir renovando o gran número de estradas coas que conta Ponteareas e as súas 24 parroquias, rexenerando camiños e vieiros, mellorando as nosas infraestruturas e garantindo a seguridade de todas as persoas que as empregan cada día”.