Ponteareas | O Goberno Municipal do BNG-PSOE continua dando a coñecer os proxectos de humanización do centro urbano, que transformarán por completo rúas actualmente peonalizadas de forma transitoria para convertelas en espazos de calidade, atractivos e de encontro social.
Como explica a alcaldesa, Cristina Fernández Davila, “son proxectos que contribuirán a unha maior dinamización do espazo, converténdose en lugares de encontro para a veciñanza e beneficiando tamén así ao comercio local”.
O Concello redactou e presentou á veciñanza o proxecto de reforma da rúa Constitución, que conecta a Casa do Concello e os Xardíns da Xiralda coa Praza de Bugallal e que abrangue unha superficie de intervención próxima aos 500 metros cadrados.
A intervención converterá esta rúa nun espazo en plataforma única, integrando os actuais xardíns xa existentes co resto da rúa, e incorporará mobiliario urbano e xardineiras.
Ademais, contémplase a renovación das canalizacións soterradas de servizos como saneamento, abastecemento de auga, electricidade ou telecomunicacións. O pavimento que se colocará é de pedra, concretamente granito gris Mondariz, empregando lousas de diferentes dimensións, acabados e tonalidades.
“Conta cun orzamento de 638.000 euros e enmárcase no proxecto de reforma urbana de todo o centro da vila”
A humanización da rúa Constitución conta cun orzamento de 638.000 euros e enmárcase no proxecto de reforma urbana de todo o centro da vila de Ponteareas ao redor da Praza de Bugallal, que abrangue 8.500 m2.
Esta reforma inclúe, ademais de Constitución, as rúas Concha Brey, Virxe dos Remedios, Reveriano Soutullo, Senén Canido, Morales Hidalgo e Vidales Tomé.
Segundo o concelleiro de Mobilidade, Roberto Mera, “este espazo que antes era un lugar de tránsito constante de centos de coches con beirarrúas estreitas, hoxe é un espazo xa recuperado para as persoas e co proxecto de humanización converterase nun gran espazo de calidade urbana e comercial”.