• Segue conectado
  • |

Ponteareas fai balance de catro semanas de estado de alarma e salienta o papel crucial do Concello

Ponteareas | Logo de catro semanas desde a declaración do estado de alarma, o goberno municipal de Ponteareas, formado por BNG e PSOE, fixo balance das actuacións municipais desenvolvidas para facer fronte á crise sanitaria.

Este balance tamén foi compartido cos grupos da oposición, PP e AciP, nunha reunión celebrada por vidoeconferencia na tarde deste mércores. Nun amplo documento, o goberno enumera todas as actuacións que abranguen as medidas organizativas de dirección e xestión da crise, as de prevención e autoprotección no ámbito interno municipal, as de información e atención cidadá, as de saúde pública, as relativas á asistencia social e as referentes ao ámbito educativo, cultural, deportivo e de ocio, as adoptadas en materia económica e fiscal e, por último, as referidas á seguridade cidadán e mobilidade.

Respecto á dirección e xestión da crise, o goberno BNG-PSOE puxo en marcha antes da declaración do estado de alarma unha comisión de seguimento da crise sanitaria do Covid-19, presidida polo alcalde Xosé Represas e formada polas tenentes de alcalde Cristina Fernández, Chus Garrote e Roberto Mera Neste marco inclúese tamén a comunicación e coordinación diaria coa administración sanitaria e o centro de saúde da localidade, con especial seguimento á situación da residencia de maiores e ao servizo de axuda no fogar.

O goberno local traballa na posta en marcha de novas medidas de apoio a autónomos, pemes e comerciantes e incrementará as axudas de emerxencia social

Para seguir mantendo ao máximo nível posíbel o funcionamento do Concello, a concellaría de Innovación Tecnolóxica implementou en tempo récord o teletraballo para boa parte dos servizos administrativos, reorganizando a atención cidadá a través de telefonía, correo e sede electrónica e creándose un espazo específico na web municipal adicada á crise sanitaria onde se pode acceder a ampla información de interese para a veciñanza.

O goberno municipal amósase satisfeito polo traballo desenvolvido e polo comportamento exemplar que ven mantendo a inmensa maioría da poboación. “Estamos moi orgullosos da veciñanza pero tamén”, destaca o alcalde Xosé Represas, “do cadro de persoal municipal en xeral e, en particular, do que se atopa en primeira liña nestes intres tan complicados, como a Residencia de Maiores, o Servizo de Axuda no Fogar, a Policía Local, Bombeiros, Protección Civil, os servizos sociais, o persoal de limpeza e o voluntariado xestionado polo concello”. Pola súa banda, a tenenta de alcalde Chus Garrote quere agradecer as suxestións dos axentes sociais e as aportacións da oposición e eganden que “seguimos día a día as circulares da Xunta e do Estado para propoñer medidas para as empresas e autónomos nas que o goberno de estado ou o goberno galego non chega”.

Finalmente, en materia de seguridade cidadán e mobilidade, o goberno local salienta o labor de información na rúa que ven desenvolvendo a Policía Local e a Agrupación de Voluntarios/as de Protección Civil sobre recomendacións, normas, pautas de comportamento, etc… relativas á mobilidade e á autoprotección da saúde. A Policía Local, coordinadamente coa Garda Civil, realiza de maneira continua patrullaxe e controis específicos dos movementos de persoas e da apertura de establecementos para garantir o cumprimento das restricións impostas no estado de alarma.

O goberno local está a traballar na posta en marcha de novas medidas como o incremento das partidas económicas destinadas as axudas de emerxencia social, a ampliación do servizo de axuda a domicilio, a creación, en colaboración co sector, dunha plataforma dixital para a difusión da oferta comercial local e de vendas, a posta en marcha de concursos de creatividade e habilidades dirixidos ás persoas confinadas con premios consistentes en bonos de compra no comercio local, as bonificacións de taxas e impostos dirixida á actividade económica afectada pola crise sanitaria e a elaboración dun plan de apoio a autónomos, pemes e comerciantes, tanto para a situación actual durante o estado de alarma como para a necesaria recuperación posterior da actividade económica comercial e de servizos

Publicado o 11 Abr 2020 en Ponteareas, Portada.
AVISO: Esta entrada ten máis de seis meses desde a súa publicación. É posible que o contido non estea actualizado.
Síguenos na nosa canle en TELEGRAM

Iniciar sesión

Uso de cookies

Este sitio web utiliza as cookies para que vostede teña unha mellor experiencia de usuario.
Si continúa navegando está a dar seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies.
Faga click no enlace política de cookies para maior información. ACEPTAR

Aviso de cookies