Ponteareas entrega os premios do concurso #TikTokTea

Este sábado 20 de marzo no Auditorio Municipal

Ponteareas | O Concello de Ponteareas celebra este sábado día 20 o acto de entrega de premios ás persoas gañadoras do concurso #TikTokTea, unha iniciativa coa que a concellería de Lingua e a concellería de Mocidade pretendían estimular a creatividade entre a mocidade, animar a creación de vídeos en galego con novos formatos e temáticas e darlles visibilidade ás e aos tiktokeiros ponteareáns.

O acto, que se celebra coincidindo co Día Internacional da Narración Oral, terá lugar ás 20 horas na sala multiúsos do Auditorio Municipal, e contará coa presentación e condución por parte do youtubeiro @olaxonmario, que representará o monólogo “Foto Tuenti”. O aforo é limitado, para garantir as medidas sanitarias, e pódese reservar entrada en auditoriomunicipal@ponteareas.gal.

Para a elección do mellor vídeo en cada categoría, reuniuse un xurado especializado formado por Mario Brión Toucedo (@olaxonmario, gañador do premio a o mellor youtubeiro do concurso Youtubeir@s 2020), Carlos García Vieito (membro da Mesa pola Normalización Lingüística e especialista en Comunicación) e Adrián González Fernández (produtor audiovisual en Diaño Films, gañadora do premio do público ao mellor vídeo musical no Festival de Cans 2020).

“Gustaríanos destacar a participación e a variedade de propostas que se presentaron a esta iniciativa innovadora coa que pretendiamos ofrecer unha actividade para a mocidade, animala a usar a lingua de noso para alén de pór en valor aspectos sociais, económicos ou ambientais do noso Concello”, sinalaron os concelleiros de Lingua, Fernando Groba, e de Mocidade, Miguel Bouzó, en referencia ás 19 propostas presentadas ao concurso.