Ponteareas en común presenta a súa candidatura

Encabezada por Manoel Ucha e Patricia Pardo enchendo o Auditorio Reveriano Soutullo

Ponteareas/Ponteareas en Común | A candidatura de Ponteareas en común está formada por persoas procedentes dos movementos sociais, apostando deste xeito por conectar o traballo social de base coas institucións, algo fundamental no traballo cotiá deste espazo político.

Ambas organizacións deron a coñecer as persoas que conforman a lista electoral e que está formada por perfís moi diferentes, co propósito común de traballar pola mellora das condicións de vida das persoas e o coidado do entorno. Este espazo político pulará pola recuperación dos servizos públicos privatizados, como a xestión da auga,  a democratización da xestión municipal e a aposta pola igualdade real entre mulleres e homes colocando a vida e os coidados no centro.

Manoel Ucha, candidato á alcaldía declara que “Temos as mellores persoas para representar ás xentes do común. Temos ilusión, talento e capacidade de traballo para defender un programa de goberno construído grazas a participación de decenas de persoas. O vindeiro 29 de maio comezará unha nova etapa en Ponteareas, no 2015 conseguimos botar á dereita e no 2023 conseguiremos implementar políticas de esquerda real”.

Tras Manoel Ucha e Patricia Pardo, a lista segue con Pilar Ferreiro, Lino Costas, Jonathan Martínez e Melca Ruiz. No posto número 7 e 8, aparecen Anxo Saborido e Vanesa Martínez respectivamente, no 9 Mario Lago, o que foi concelleiro súmase a este espazo coa idea clara de sumar polo ben común. No posto número 10 aparece Lucía Cantalapiedra, activista social e muller comprometida co dereito a unha vivenda digna.

A candidatura continúa con persoas moi novas e comprometidas co dereito a unha cultura e ocio diverso como Mateo Gómez e Anxo G. Teixeira e a profesora e activista social, Saínza González. A lista complétase coas activistas sociais Puerto Urbieta, Borja Rodríguez, as militantes María Hidalgo e Rosalía Areal, a profesora do IES Val do Tea Lourdes Ferreiro, o militante sindical Alberto López e con Sabela Rodrígues, muller de 24 anos licenciada en Belas Artes. Pechando a candidatura, aparece Pablo Fernández, experto en mobilidade e desenvolvemento urbano sostible, membro da coordinadora local de Esquerda Unida e militante cunha longa traxectoria activista.

Ponteareas en común presentou este sábado, nunha sala multiusos chea ata a bandeira, unha candidatura comprometida cos dereitos dos e das traballadoras, que vai colocar todo o seu talento, experiencia e traballo na construción dunha vila que non deixe a ninguén atrás.

O 15 de abril ás 19h, presentará o seu programa de goberno na Casa Cultural de Angoares, nun acto que debuxará as liñas políticas acordadas durante meses nas xuntanzas programáticas.

Patricia Pardo indicou que “Sigo en política porque en Ponteareas en común, e nas organizacións que a conforman, atopei das mellores persoas que coñecín na miña vida, dispostas a traballar dende a honestidade. Temos o compromiso de que imos traballar pola xente do común e tede o convencemento que non imos defraudar”.