Ponteareas en Común (PeC) pide a dimisión da Alcaldesa Nava Castro polo conflito do SAF

A rexedora cualificou de “inaceptables” e “machistas” os ataques na súa contra durante o pleno de novembro

Ponteareas | Mediante nota de prensa, a agrupación Ponteareas en Común (PeC) expresou “a súa máis firme condena polos feitos acontecidos no pleno de novembro e nas horas anteriores e posteriores ao mesmo no Concello de Ponteareas, onde as traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar, que levan xa 61 días de folga indefinida, foron desaloxadas á mañá seguinte do salón de plenos tras un novo episodio de tensión que, segundo denuncian elas mesmas, incluíu provocacións e posibles agresións por parte da alcaldesa, Nava Castro”.

Segundo PeC, “as traballadoras decidiron permanecer no salón de plenos ao rematar a sesión, tal e como xa fixeran noutras ocasións, ante a falta de avances na negociación e o bloqueo absoluto do goberno municipal. A resposta do executivo de PP-ACiP-IP foi, de novo, un peche en banda, negándose a dialogar e impedindo mesmo a presenza de xornalistas durante o pleno, nun novo ataque á transparencia e ao dereito á información”.

Ponteareas en Común considera extremadamente grave que un goberno municipal recorra ao uso da forza e á expulsión de traballadoras en folga en lugar de solucionar un conflito laboral xerado pola empresa concesionaria Óbolo, responsable de incumprimentos reiterados, precariedade salarial, falta de persoal, nóminas mal cotizadas e outras irregularidades xa documentadas durante meses.

O concelleiro de Ponteareas en Común, Manoel Ucha, declarou: “O que ocorreu hoxe no Concello é intolerable. Un goberno incapaz de resolver o conflito do SAF está a pasar a liña vermella da vulneración de dereitos. As traballadoras levan 61 días en folga porque Óbolo está a degradar en extremo as condicións laborais e as deficiencias no cumprimiento do contrato en termos de atención ás persoas usuarias son indignas . A resposta da alcaldesa non pode ser provocar, expulsar e calar ás que están defendendo os seus dereitos.”

Ucha insiste en que o goberno municipal debe asumir responsabilidades políticas inmediatas: “A alcaldesa Nava Castro e o concelleiro responsable, Francisco Jesús Represas, deben asumir as consecuencias políticas e dimitir. A súa actuación é incompatible cunha xestión democrática, transparente e responsable.”

Ponteareas en Común volve a esixir a expulsión inmediata de Óbolo, liña vermella das traballadoras, e insta ao Concello a solucionar o desastroso servizo de axuda no fogar derivado da xestión privada durante anos e tras diversos gobernos.

A formación municipalista indica que iniciar o camiño cara á xestión pública directa do servizo é única vía para garantir estabilidade laboral e unha atención digna ás persoas usuarias a medio e longo prazo debido á precariedade sistémica imposta polas empresas do sector.

A organización reitera o seu apoio total ás traballadoras do SAF e denuncia que o comportamento do goberno local só contribúe a agravar un conflito que xa é o máis extenso na historia do municipio.

Resposta da Alcaldesa: “o ocorrido no pleno supera todos os límites aceptables”
Mediante comunicado, a Alcaldesa Nava Castro respondeu aos feitos ocorridos durante o pleno do mes de novembro. A continuación reproducimos integramente este comunicado:

“Quero trasladar á cidadanía o sucedido na sesión plenaria de onte, porque afecta ao respecto debido ás institucións, ao funcionamento democrático do Concello de Ponteareas e tamén ao trato que debe recibir unha muller que exerce a Alcaldía.

Durante estes sesenta días de folga do Servizo de Axuda no Fogar, o Concello respectou plenamente o dereito á protesta e conviviu con concentracións diarias sen poñer límites, entendendo que a reivindicación laboral é lexítima e debe ser escoitada.

Porén, o ocorrido onte no salón de plenos supera todos os límites aceptables. O máis grave é que nesta ocasión os grupos políticos da oposición coaccionaron a Alcaldesa dicindo que se non se alteraba a orde do día, non deixarían celebrar o Pleno. Ás manifestantes do SAF sumouse a presión destes grupos políticos da oposición, actuando de maneira conxunta para esixir a modificación da orde do día e tentando impoñer decisións pola vía da intimidación.

Como marca a lei, dixen que a orde do día non se ía alterar e trataríamos primeiro a aprobación definitiva do orzamento municipal, tanto os grupos da oposición coma as manifestantes levantáronse, avanzaron cara a mesa de Presidencia e berraron de forma coordinada, xerando unha situación de bloqueo e coacción que fixo imposible continuar coa sesión pública.

E quero sinalar algo que xa non se pode ignorar:

A actitude dos grupos da oposición cara a esta Alcaldesa estivo cargada dun evidente sesgo machista. Uns tons, uns xestos e unhas formas que non empregarían diante dun Alcalde home. Un intento de situarse por riba da Presidencia non por razóns políticas, senón desde unha falta de respecto persoal e institucional cara a unha muller que exerce a súa autoridade con firmeza e serenidade.

“A actitude dos grupos da oposición cara a esta Alcaldesa estivo cargada dun evidente sesgo machista”

Tras realizar tres chamadas á orde e ante a imposibilidade de garantir o desenvolvemento do pleno, vímonos obrigados a continuar o Pleno a porta pechada, tal e como permite o regulamento, para protexer a legalidade e o funcionamento democrático da institución.

Quero ser clara:
Impedir un pleno, exercer presión física sobre a Presidencia e manifestar actitudes machistas contra unha alcaldesa non é protesta: é unha vulneración da democracia local e do respecto institucional. E non se volverá permitir.

O pleno municipal é o órgano de representación de toda a cidadanía de Ponteareas. Ninguén ten dereito a obstaculizalo nin a impor decisións mediante presión, intimidación ou comportamentos impropios dunha institución democrática.

O Concello adoptará as medidas necesarias para garantir que cada sesión plenaria se desenvolva con normalidade, seguridade e o respecto que merecen a democracia e a igualdade.

Ponteareas necesita convivencia, responsabilidade e respecto institucional. Ese será sempre o meu compromiso como alcaldesa, como servidora pública e como muller”.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.