Ponteareas aspira instalar catro puntos de recarga para vehículos eléctricos

O Concello opta a unha subvención europea para situalos nas rúas Rogelio Groba e Concha Brey

Ponteareas | O Concello opta a recibir unha subvención europea destinada á instalación de puntos de recarga para vehículos eléctricos no municipio. A administración local xa presentou a documentación necesaria no Instituto Enerxético de Galicia, da Xunta, que concede estas axudas a través dos fondos de recuperación da Unión Europea.

Co obxectivo de incentivar a mobilidade eléctrica na vila, o Concello contempla instalar catro puntos de carga na contorna da casa consistorial. Dous deles na rúa Concha Brey e outros dous na rúa Rogelio Groba. Deste xeito, tanto os veciños e as veciñas como as persoas visitantes dispoñerán de estacións de recarga de iniciativa pública no centro da vila.

O concelleiro encargado da área, Francisco Represas, indica que “como capital de comarca, temos que ser un dos Concellos que lidere esta aposta pola transición en materia de mobilidade. Ademais, os cargadores para vehículos eléctricos servirán tamén para sumar atractivos ao municipio posto que serán un reclamo para os usuarios e as usuarias destes servizos”. O edil apuntou que “ao actual equipo de goberno preocúpalle este tipo de cuestións que teñen que ver coa sustentabilidade e é por iso polo que decidimos presentarnos como administración pública a esta liña de axudas”.

Estas subvencións forman parte do Programa MOVES III da Unión Europea e teñen como obxectivo incentivar a mobilidade eléctrica. Trátase dunha liña de axudas de concorrencia non competitiva, que xestiona a Xunta de Galicia, cuxo prazo mantense aberto ata xullo deste ano.