Ponteareas aposta polo reto “recicla, respira e supérate”

A través dun colector amarelo na rúa Rogelio Groba

Ponteareas | Durante estes días, un colector amarelo grandes dimensións está exposto en Ponteareas, actuando de expositor efémero para explicarlle á cidadanía como reciclar adecuadamente no colector amarelo e así superar o reto “Recicla e Supérate”, promovido dende Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda en colaboración coa entidade sen ánimo de lucro Ecoembes, dedicada á reciclaxe e á economía circular.

Esta acción de impacto na rúa desenvólvese simultaneamente nos 15 concellos galegos convocados nesta segunda edición do reto, que ten como obxectivo último incrementar a conciencia de reciclaxe e seguir afianzando o hábito continuado entre a poboación.

O reto “Recicla, respira e supérate” ten unha premisa sinxela: os concellos participantes que melloren cando menos un 10% a súa achega ao contedor amarelo (envases de plástico, latas e briks) entre o 1 de febreiro e o 30 de abril, comparado co mesmo período do ano anterior, conseguirán un premio de 2.000 euros para dedicar a unha causa social local da súa elección.

Para conseguir que os concellos superen o Reto, están programadas unha serie de accións de comunicación coas que se pretende comprometer aos concellos e á cidadanía na mellora das cifras de reciclado de envases de plástico, latas e briks, nos seus municipios.

Por isto, a concelleira de Medio Ambiente, Rosa Covelo, informa que durante os 3 meses de duración do reto, estanse a desenvolver diferentes actividades comunicativas de impacto, como son a instalación de stands informativos e a planificación de campañas coa finalidade de animar á cidadanía a participar, á vez que se lles explica como reciclar mellor.

En www.uneteaoreto.com atópase toda a información sobre como separar correctamente os residuos e onde se actualizan os quilos recollidos en cada concello durante os tres meses de campaña.