• Segue conectado
  • |

Ponteareas adxudica as obras de humanización da Praza de Bugallal

A praza triplicará a súa superficie e o investimento supera os 600.000 euros

Ponteareas | O goberno municipal do BNG e PSOE adxudicou as obras de humanización da Praza de Bugallal por un importe de 605..338,28 euros. A actuación está financiada ao 80% con cargo aos fondos FEDER da Unión Europea no marco da estratexia “Ponteareas, Hábitat Saudábel” mentres o Concello achega dos seus propios fondos o 20% restante. Ao concurso público presentáronse un total de doce empresas.

Na actualidade, a céntrica Praza de Bugallal ten pouco máis de 1.000 m2 de superficie e está rodeada perimetralmente por viais destinados á circulación e estacionamento de vehículos que ocupan uns 2.000 m2, convertendo á praza nunha sorte de rotonda. Coa humanización a praza triplicará as súas dimensións superando con creces os 3.500 m2 ao unirse en plataforma única a todas as fachadas circundantes e ao espazo ocupado pola igrexa parroquial. Deste xeito a Praza de Bugallal integrarase nas zonas xa humanizadas da contorna da Igrexa, a rúa de Oriente e Esperanza e a Praza Maior conformando todas elas un espazo de máis de 20.000 m2 humanizado pensado para as persoas, a súa mobilidade e estancia e para unha actividade comercial de calidade.

Ademais, a reforma e transformación conleva a creación de espazos verdes, a dotación de novo arborado de grande porte que achegará sombra á praza, grandes xardineiras, bancos e mobiliario urbano así como nova iluminación. As obras tamén inclúen a renovación das canalizacións de subministros soterrados e de saneamento e o soterramento dos cableados actuais.

Esta actuación, ao igual ca outras como a humanización do primeiro tramo do Paseo Matutino, a praza creada diante do Mercado e Auditorio, a humanización da rúa Redondela, da rúa San Roque no primeiro tramo ou da contorna da Piscina e Centro de Saúde teñen como obxectivo superar o desastre urbanístico de Ponteareas e favorecer a mobilidade sustentábel a pé e en bicicleta e a redución do tráfico e da contaminación atmosférica e acústica, reducindo as emisións de carbono. As actuacións desenvólvense en base a unha planificación previa traducida na estratexia de desenvolvemento urbano (EDUSI) e no Plan de Mobilidade Urbana Sostíbel (PMUS) que marcan as directrices do que será no futuro inmediato Ponteareas.

O proxecto de transformación da Praza de Bugallal foi seleccionado mediante concurso por un xurado de técnicos de recoñecido prestixio e contou cun proceso de participación e consulta veciñal no que interviron residentes da zona, comerciantes ou alfombristas.

O alcalde Xosé Represas e a concelleira de Vías, Obras e Alumeado Chus Garrote amosáronse satisfeitos coa adxudicación e o inminente inicio das obras porque “con esta actuación tan importante continuamos avanzando na transformación de Ponteareas para convertela nunha vila pensada para as persoas. A humanización da Praza de Bugallal aumentará a calidade de vida en Ponteareas e suporá un maior atractivo comercial do centro urbano”.

Publicado o 27 Set 2020 en Ponteareas, Portada, Urbanismo.
Síguenos na nosa canle en TELEGRAM

Iniciar sesión

Uso de cookies

Este sitio web utiliza as cookies para que vostede teña unha mellor experiencia de usuario.
Si continúa navegando está a dar seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies.
Faga click no enlace política de cookies para maior información. ACEPTAR

Aviso de cookies