Ponteareas abriu unha nova convocatoria de axudas para a compra de libros e material escolar

Para o curso 2021/2022

Ponteareas | A concellería de Ensino de Ponteareas, que dirixe a alcaldesa en funcións Cristina Fernández Davila, vén de convocar un ano máis as axudas municipais de apoio ao estudo, destinadas ao alumnado matriculado en 4º, 5º e 6º de infantil, FP básica, ciclos formativos e bacharelato para o curso 2021/2022.

“Para ese obxectivo, o executivo ponteareán destina 20.000€, que se suman aos 100.000€ que xa se levan destinado nos últimos cinco anos”

Con esta convocatoria, o goberno local contribuirá na adquisición de libros de texto e material escolar por parte daquelas familiar con ingresos máis limitados da localidade que non dispoñan de ningunha outra axuda. Para ese obxectivo, o executivo ponteareán destina 20.000€, que se suman aos 100.000€ que xa se levan destinado nos últimos cinco anos.

A persoa beneficiaria destas axudas será unha das proxenitoras ou titora legal do/a menor para quen se solicitan, podéndose conceder tantas axudas como número de menores teñan matriculados en Educación Infantil, FP Básica, Ciclos Formativos e Bacharelato, ata un máximo de 100€ por menor.

Cristina Fdez. Davila sinalou que, unha vez concedidas, “as familias que o precisen poderán solicitar o pago anticipado das subvencións para que no momento da adquisición dos libros e do material teñan liquidez”.

“O prazo de solicitudes está aberto ata o vindeiro 20 de agosto, e as bases están publicadas para a súa consulta na web municipal”

O prazo de solicitudes está aberto ata o vindeiro 20 de agosto, e as bases están publicadas para a súa consulta na web municipal, así como os formularios precisos para a presentación das solicitudes.