Polémica no pleno do Concello de Ourense pola expulsión do voceiro do BNG, Luis Seara

Tras acusar ao alcalde Jácome de ser un "canalla e un macarra"

Ourense | No pleno do Concello de Ourense do día 11 de novembro, o alcalde de Ourense “sobrepasou todos os límites chegando a expulsar ao portavoz do BNG Luis Seara logo de acusalo de ser un “canalla e un macarra” e exhibir públicamente unha suposta denuncia dun particular contra o concelleiro da formación nacionalista.

Luis Seara, quen compareceu logo do acontecido no pleno diante dos medios deixa claro que “subín ao estrado para poder explicarme diante dunhas acusacións gravísimas sobre a miña persoa”, ao que engade, “teño que dicir que neste momento non teño constancia de ningunha denuncia contra a miña persoa, e teño que dicir que é falso que a policía me tomara onte declaración, O que me sorprende é que o alcade teña acceso e copia a esa suposta denuncia e sobor de todo, que a exhiba públicamente”.

Para o concelleiro do BNG este proceder do alcalde ten unha dobre motivación, “rebela que ten medo ao BNG e que non ten argumentos de debate xa que non quere nin pode falar nin negociar con ninguén”. Segundo Seara “o comportamento de Jácome demostra que sabe que lle queda pouco tempo e que ten os días contados como alcalde, non se vai sair coa súa e sempre nos vai ter enfronte”.

En relación aos feitos aos que se refire, Luis Seara deixa claro que “en ningún caso son como se relatan e teño dúas testemuñas que estaban presente durante a conversa que o poden atestiguar no caso que se refira a esa conversa en particular”.

Agradecemento ao resto da corporación
Por último, Luis Seara quixo agradecer o apoio recibido por parte do resto da corporación e polas múltiples persoas que ao longo das últimas horas teñen amosado o seu apoio e agarimo ao concelleiro nacionalista.

“Quero agradecer ao resto de membros da corporación o seu apoio no día de hoxe máis pediríalle ao PP que aparte de marcharse do pleno, poña fin a esta situación absolutamente insostible, quero tamén agradecer as innumerábeis mostras de apoio recibidas nas últimas horas e o comportamento dos axentes da Policía Local que tiveron que intervir pola súa corrección e bo facer”.

O PSdeG-PSOE de Ourense denuncia a actitude “ditatorial” do alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, no transcurso da sesión plenaria do Concello e que deu como consecuencia que o rexedor quedase só cos tres concelleiros de Democracia Ourensana, trala marcha do resto de forzas políticas ante os insultos, faltas de respecto e calumnias de Jácome. Os socialistas argumentan que “o vivido hoxe supera todos os límites, cun alcalde que dedicoulle ao voceiro do BNG todo tipo de insultos e descalificativos, algo que creemos que é inadmisible en democracia”.

Dende o grupo municipal socialista afirman que no Concello de Ourense “estamos acostumados a plenos bochornosos, que nunca deberían ter lugar” e subliñan que o acontecido durante o debate da modificación puntual do PXOU de 1986, para o cambio do uso da parcela da antiga estación de autobuses, “amosa o carácter ditatorial dun alcalde que chamou as forzas do orde público para expulsar a unha persoa que só quería facer uso do seu dereito a réplica para non admitir todas as barbaridades que Jácome estaba soltando, nunha nova mostra da falta de educación da persoa que está ao fronte da alcaldía”.

Os socialistas afirman que Pérez Jácome “é unha persoa que non é exemplo, nin representa a Ourense”, motivo polo que lle piden ao Partido Popular, que o sustenta actualmente no poder, que “dea un paso adiante para apartar a esta persoa da cadeira da alcaldía e mude estes comportamentos xa”. Consideran que esta situación “chegou ao límite e ten que rematar xa”. Dende o PSdeG-PSOE de Ourense tamén queren amosar o “apoio pleno e absoluto ao voceiro do BNG, Luís Seara, e a todas as persoas que queren un Ourense limpo e sen faltas de respecto”.

Con respecto a suposta denuncia contra o voceiro nacionalista que o alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, fixo pública durante o pleno, os socialistas teñen “dúbidas” da orixe da mesma. “Se esta denuncia chega a mans de Jácome a través das dependencias municipais, estamos ante un caso moi serio, e se pola contra é algo outorgado polo propio denunciante habería que estudar as posibles consecuencias”.