Poesía contra a violencia de xénero en Ponteareas

Por parte do colectivo Versos de Area e o alumnado de igualdade do IES Val do Tea
As integrantes de Versos de Area e o alumnado de igualdade do IES Val do Tea mostraron cos seus versos que “a violencia machista é un grave problema de estrutura social”.

Ponteareas | Ponteareas denuncia a violencia de xénero con cultura. Hoxe nun acto diante da Casa do Concello todas as forzas políticas da Corporación leron un manifesto que chegou acompañado de poesía reivindicativa.

As integrantes de Versos de Area e o alumnado de igualdade do IES Val do Tea mostraron cos seus versos que “a violencia machista é un grave problema de estrutura social”, con grandes resultados, xa que o Goberno local quere destacar a gran calidade dos seus traballos.

Durante o acto a alcaldesa, Cristina Fernández Davila, denunciou que a pandemia atravesa de forma moi intensa a realidade das mulleres, un dos sectores máis afectados da nosa sociedade, “invisibilizando que a violencia machista continuou connosco.

Asociacións de mulleres, institucións e profesionais de diferentes ámbitos coinciden na grave afección das medidas de confinamento e de restrición de actividade e mobilidade social para a actuación sobre a violencia machista e o grave risco para milleiros de mulleres”.

A concelleira de Igualdade, Verónica Carrera, tamén indicou que en Ponteareas “sinalamos a necesidade dunha abordaxe global e profunda, con liñas de acción sobre todas as formas do maltrato, requirimos recursos económicos e humanos para a implementación de proxectos de axuda e empoderamento das mulleres”.

O acto diante da Casa do Concello contou coa participación de todas as forzas políticas da Corporación, dos colectivos presentes e tamén da veciñanza.

Continuo dicindo que “demandamos a mellora e prioridade das políticas e leis a favor do desenvolvemento das mulleres, garantindo a súa aplicación en calquera espazo, e subliñamos o valor das mulleres no desenvolvemento social, económico, intelectual e humano e, por tanto, a necesidade de asegurar a súa participación plena e efectiva en todos os niveis de liderado e decisorios da vida política, económica e social, tanto pública como privada”.