Podemos – Marea de Vigo piden ao Concello axudas ás familias do Vila de Pitanxo

Ante a "neglixente" actuación do goberno estatal

Vigo/Podemos – Marea de Vigo | Podemos – Marea de Vigo piden que o Concello de Vigo se poña do lado das familias do Vila de Pitanxo ante a neglixente xestión do Ministerio no embarque do buque que baixara ao pecio.

Rubén Pérez e Meli Vázquez, xunto ao resto da candidatura de Podemos – Marea de Vigo, estivemos hoxe no barrio do Calvario, un barrio que se configura como un dos de renda máis baixa e ademais un lugar da cidade que nos últimos anos, por motivo do reponte do prezo da vivenda, é un dos polos de atracción de poboación mígrante que acolle a cidade de Vigo, poboación que tamén traballa no sector do mar, non sector portuario, non sector de transformación e pesca.

Queremos facer unha valoración, nesta contorna, sobre o que ocorreu nas últimas datas con respecto á misión que vai ir a Terranova e que vaise mergullar onde se atopa o barco Vila de Pitanxo, e ao mesmo tempo lembrar que as familias dos mariñeiros falecidos polo naufraxio do buque Vila de Pitanxo, levan meses esixindo un proceso rigoroso de investigación por parte do aparello xudicial e a Audiencia Nacional que permita clarificar que ocorreu realmente o día do naufraxio.

Para Podemos – Marea de Vigo este tráxico accidente e a investigación dos motivos do mesmo, xunto a depuración de responsabilidades, tamén é unha cuestión de cidade, xa que moitas veciñas e veciños desta cidade son familiares, amigos, parellas ou compañeiros de sector, e o que ocorreu onte, cando marchou o barco, sen ningunha clarificación por parte do Ministerio sobre se cumpría os requisitos que establecera a Audiencia Nacional e deixando en terra ao perito que as familias designaran para acompañar a expedición ou misión de investigación parécenos dunha extrema gravidade. Parécenos que introduce unha perigosa posibilidade de que a defensa da empresa armadora poida tentar invalidar a expedición ou o contido de todas as actuacións, probas documentais e periciais, que os letrados das familias acheguen como proba xudicial.

O conxunto da cidade ten que poñerse do lado das 21 familias do Vila de Pitanxo. O goberno municipal e toda a cidade temos que defender un sector laboral do mar seguro, con dereitos. E se isto ten que derivar nunha causa xeral contra todo o sector do arrastre e contra todos os armadores, que non cumpren a actual lexislación de seguridade marítima, e contra as prácticas laborais abusivas, que durante anos se cronificaron no sector, desde logo esas actuacións terán todo o apoio de Podemos, Marea de Vigo e o resto de partidos da coalición.

Podemos-Marea de Vigo opinamos que moitos dos accidentes e naufraxios xorden da falta de supervisión das tarefas a bordo, a inobservancia da lexislación, os protocolos e as prácticas de seguridade marítima e a carencia de mecanismos de protección axeitados pola falta de investimentos das empresas armadoras.

Podemos – Marea de Vigo queremos lembrar que, segundo un informe elaborado pola Oficina Internacional do Traballo (OIT), polo menos uns 24.000 pescadores e persoas relacionadas coa pesca e o procesado de peixe falecen cada ano, o que coloca á pesca e ás actividades relacionadas con ela entre as profesións máis perigosas.

Finalmente Podemos – Marea de Vigo estamos convencidos que existe unha morea de lexislación sobre prevención de naufraxios e seguridade marítima, o que falta é suficiente vontade política para aplicala axeitadamente e pola falta de inspeccións que supervisen e sancionen aos responsables das neglixencia e incumprimentos legais.