Plataforma en defensa da Sanidade Pública da Guarda solicita xuntanza co Conselleiro de Sanidade

Para tratar a construción dun hipotético Centro Integral de Saúde
A Plataforma agarda tratar co Conselleiro de Sanidade os prazos e os fondos previstos para abordar a construción do Centro Integral de Saúde.

A Guarda | Diante dos anuncios aparecidos nos medios de comunicación sobre a construción dun hipotético Centro Integral de Saúde (CIS) para a nosa localidade, a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Guarda solicitou unha reunión co Conselleiro de Sanidade.

A Plataforma manifesta a súa sorpresa polo anuncio da Consellaría de Sanidade, xa que no Proxecto de Orzamentos que está en trámite neste momento no Parlamento da Galiza non aparece ningunha consignación orzamentaria sobre o hipotético centro.

Nesta reunión que agardamos que o Conselleiro teña a ben concedernos nun prazo breve de tempo a Plataforma pediralle ao Conselleiro que concrete en que prazos e con que fondos teñen previsto abordar este CIS.

A Plataforma ten intención de abordar tamén nesta reunión o deterioro permanente do Centro de Saúde da Guarda pola falta de profesionais e urxirá ao Conselleiro a restablecer o cadro médico do Centro que é a necesidade fundamental que temos os usuarios e usuarias do Centro.

Neste sentido e, polas informacións que temos, a Plataforma considera inaudito o anuncio realizado, tendo en conta a situación que enfrontará o noso Centro nas próximas semanas, con 4 médicos en total, ou 3 de se dar o peor dos casos, a repartir entre xornada de mañá e xornada de tarde.

Temos constancia de que o Sergas optará antes, chegado o caso, por anular as consultas ordinarias e orientar na práctica a actividade do Centro ás urxencias. Non podemos crer as promesas que nos fan mentres vemos cos nosos ollos a precarización día a día da atención na nosa vila.

A Plataforma anuncia que participarán na manifestación que se celebrará en Santiago de Compostela o 14 de Novembro en defensa da recuperación da atención primaria convocada por SOS Sanidade Pública e polas Plataformas en Defensa da Sanidade Pública de toda Galiza.

Nos próximos días desenvolveran unha campaña de información para facilitar a participación do maior número posíbel de persoas nesta manifestación.