Plan REACPON sociocultural para Tomiño

Asinado entre o Concello e a Deputación de Pontevedra
Coa sinatura do convenio entre a Deputación e o Concello de Tomiño que protagonizaron a presidenta Carmela Silva, o vicepresidente César Mosquera, e a alcaldesa Sandra González, arranca o proceso para a construción na parroquia do Seixo do novo “Espazo Isaura Gómez”.

Pontevedra | Un equipamento icónico de uso sociocultural que quere converterse nun referente para a cultura de toda a comarca e do veciño norte de Portugal, amais dun novo lugar de encontro da veciñanza.

Coa sinatura do convenio entre a Deputación e o Concello de Tomiño que protagonizaron a presidenta Carmela Silva, o vicepresidente César Mosquera, e a alcaldesa Sandra González, arranca o proceso para a construción na parroquia do Seixo do novo “Espazo Isaura Gómez”, proxecto do Plan ReacPon xa adxudicado e cuxas obras poderán comezar este mesmo mes de xaneiro.

Cun importante investimento de 1.740.586,11€, dos que a Deputación achega 1.108.423,05€ e o Concello 632.163,06€, o novo edificio estará situado moi próximo á Praza do Seixo que xa contou cunha achega do Plan DepoRemse, polo que este novo espazo socio cultural continuará facendo da zona un lugar de convivencia da cidadanía. A presidenta da Deputación, Carmela Silva, amosou o seu orgullo pola sinatura “deste importante convenio” que servirá para financiar unha obra “tan fermosa na forma pero, sobre todo, no contido”.

Neste senso, a presidenta subliñou que “dende a Deputación temos moi claro que a única forma de manter e aumentar a poboación ten que ver con garantir equipamentos e dotacións de calidade así como os dereitos das persoas para realizar toda actividade, e moi particularmente a sociocultural que é tan demandada pola cidadanía”. Ademais, como sinalou, o edificio que se construirá en Tomiño ao abeiro do ReacPon “leva nome de muller, o que tamén amosa o compromiso por visibilizar ás mulleres que deixan pegada na nosa provincia”.

Carmela Silva tamén destacou a importancia deste espazo “a nivel arquitectónico e estético posto que constrúe unha trama urbana moi atractiva baixo os parámetros de eficiencia enerxética e aforro de enerxías, o que tamén ten un enorme valor”. Do mesmo xeito, puxo en valor que as obras vaian a comezar “moi brevemente o que amosa que os concellos (pequenos, medianos e grandes) teñen moita capacidade de desenvolver grandes proxectos e son eficientes á hora de poñelos en marcha”.

Por iso, reivindicou a chegada de “moitos recursos ao mundo local, que sempre é capaz de executalos e de dar conta. É unha das administracións máis eficiente e eficaz e, dende logo, os concellos da provincia de Pontevedra están a demostralo”.

Para a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, “hoxe é un día grande e emocionante” xa que o Espazo Isaura Gómez “é un soño feito realidade e vai a ser o corazón da cultura de Tomiño”. A alcaldesa destacou que “levamos catro ou cinco anos traballando e madurando este proxecto que non podería levarse a cabo con recursos ordinarios. Esta obra, afirmou, só cabe cando unha institución como a Deputación é sensible a esa necesidade dos concellos medianos de acometer obras tan importantes para a nosa veciñanza”.

Sandra González trasladou ao goberno a ilusión das e dos tomiñeses por acometer este espazo “que vai a ser un lugar emblemático, pedido, demandado e case deseñado pola xente”. Entre os recursos cos que contará o edificio destacou a biblioteca, que albergará “o rincón de Tomiño, un sitio moi simbólico -incluso a nivel arquitectónico- onde vai a estar toda a bibliografía do concello e da comarca así como o arquivo da imaxe de Tomiño no que levamos traballando máis de dous anos e que ten máis de 7.000 fotografías”.

Ademais, agardan que este sexa “un dos primeiros edificios clasificados como Passive House, cun consumo enerxético absolutamente baixo e respectuoso co medio. Vai a ser pioneiro como edificio público en Galicia”.

O vicepresidente César Mosquera chanceou asegurando que a sinatura do convenio supón para Tomiño “un bo regalo de Reis” por parte da Deputación, mais subliñou que o investimento acadado é moi merecido xa que o proxecto tivo a mellor puntuación do REACPON por ser moi atinado e estar moi ben elaborado. “Notouse que o Concello leva traballando nel catro ou cinco anos pola finura dos detalles”, dixo.

Mosquera destacou tamén que o programa provincial pretendeu dende a súa concepción ser unha inxección para dinamizar a economía en xeral, seguir as normas da UE na expectativa de conseguir financiamento comunitario que reverter nos concellos, ademais de permitir a alcaldes e alcaldesas cumprir soños e ideas que cos recursos ordinarios serían “difíciles de atacar”. “Cremos que eses obxectivos cumpríronse e os concellos demostraron a súa capacidade para adaptarse e facer as cousas ben cando se lles estimula”.

A actuación
O novo inmoble, de cinco plantas, contará cun soportal exterior por toda a fachada cunha especial arquitectura e adaptada á estética dos edificios próximos, e cumprirá cos obxectivos fixados no Plan ReacPon: empregará enerxías renovables, será eficiente e accesible para todas as persoas (con ascensor adaptado), luminoso e integrador.

O “Espazo Isaura Gómez” contará con biblioteca, Aula CeMIT e Área de Atención Temperá. Igualmente, centralizarase o arquivo municipal e crearase unha Sala de usos múltiples para realizar accións relacionadas co uso cultural ou social. Tamén contará cun xardín, para actividades culturais ao aire libre, e unha terraza exterior.

O novo espazo público levará o nome de Isaura Gómez dedicado a esta muller tomiñesa da parroquia de Figueiró, unha muller culta e moi activa, defensora de valores como a xustiza, a igualdade e a liberdade. Sufriu de preto a Guerra Civil e a represión franquista pero en ningún momento deixou de estar do lado das persoas que tiñan máis dificultades e necesidades, converténdose así nunha referente.

O Plan da Deputación ReacPon, dotado con 26,3 millóns de euros, beneficiará a 47 concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes. Contou con bases esixentes e criterios obxectivos, aberto a proxectos maduras que contribúan a unha economía descarbonizada e á consecución dos obxectivos fixados na Axenda 2030 e nos fondos europeos.

O programa suporá nestes concellos, ao longo do próximo ano e medio, a execución de ata 25 actuacións de mobilidade segura, tres novas bibliotecas, cinco reformas de casas consistoriais, cinco reformas de espazos culturais, a ampliación ecolóxica dun cemiterio, e oito novas infraestruturas deportivas.