Plan de remuda xeracional para novas incorporacións á IXP Pan de Cea

Estase a traballar para garantir o mantemento de negocios

San Cristovo de Cea | Margarita Ardao, directora xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego, participou no acto “A remuda xeracional na IXP do Pan de Cea”, onde puxo de relevo o Plan implementado pola Xunta para garantir o mantemento de negocios a través da Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego que conta xa con 13 centros activos. No caso do Polo do Carballiño, hai cinco proxectos dispoñibles para que persoas interesadas poidan retomalos tras deixalos os seus anteriores titulares.

En concreto, quen queira facerse con algunha desas empresas alugándoa ou mercándoa pode poñerse en contacto coa Rede de polos a través da páxina web https://polosemprendemento.gal/remuda-de-negocios. Logo, será o persoal desta Rede o que se encargará do acompañamento asesorando, axilizando e facilitando estes procesos de remuda ou de transmisión de negocios.

Celebrada en San Cristovo de Cea, a actividade está orientada precisamente a fomentar un intercambio de impresións entre as persoas representantes da indicación xeográfica protexida (IXP) Pan de Cea e o alumnado de Formación Profesional que se está especializando no oficio. Poñendo o foco nesta actividade comercial como dinamizadora do rural, fomentarase o debate e a reflexión co obxectivo de asegurar o mantemento da marca, cunha exposición de conclusións por parte de varias mesas de traballo.

O encontro tamén serve para dar a coñecer a Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego, que presta asesoramento individualizado e gratuíto en calquera fase en que se atopen os proxectos empresariais, co obxectivo de xerar riqueza, dinamizar a economía e fixar poboación especialmente no rural.

No conxunto da provincia de Ourense, xa se levan atendido arredor de 300 proxectos, entre os que destacan os do sector servizos, seguidos dos de hostalaría e do comercio.

No caso do Polo do Carballiño, téñense asesorado un cento de iniciativas, un 55% delas lideradas por mulleres. Ademais do centro carballiñés, na provincia ourensá están a funcionar os Polos de Verín, O Barco de Valdeorras e tamén o de Baños de Molgas.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.